Protestos na Galiza contra a sentenza do procés

Concentración no Toural, en Compostela (CIG)

Varios centos de persoas participaron na noite da segunda feira nas mobilizacións convocadas pola plataforma Galiza con Catalunya nas cidades galegas para amosaren o seu rexeitamento á sentenza do procés independentista catalán.

Ás 20 horas tiveron lugar nas cidades galegas, alén de Burela e Redondela, entre outras vilas, concentracións para protestar contra a sentenza do procés, que condena a 100 anos ás líderes independentistas catalás.

Unha das mobilizacións máis numerosas decorreu en Compostela, na praza do Toural, así como na Coruña, diante da Subdelegación do Goberno español, onde as persoas concentradas berraron pola liberdade das presas e presos políticos con consignas como “Galiza e Catalunya solidariedade”, “Estado español, Estado represor” ou “Democracia é liberdade”.

A Audiencia Nacional foi o albo dos protestos, que acusaron o alto tribunal de “fascista”. “A     democracia non é delito” e “A solución, autodeterminación” foron outras das proclamas que se escoitaron nas cidades galegas, onde se leu un manifesto que advertía de que a sentenza “estaba escrita desde hai meses” e que cualificaba de “farsa” o xuízo político.

Nas mobilizacións participaron numerosos cargos institucionais e orgánicos do BNG e da CIG. Tamén tomaron parte representantes de Anova.

Voos galegos afectados

A mobilización cidadá que paralizou esta segunda feira o aeroporto barcelonés de El Prat tivo incidencia na Galiza. Dous voos con destino á Coruña e a Compostela foron cancelados polo movemento Tsunami Democràtic. En total, víronse afectados 67 voos que saían de Barcelona.

Malia as cargas policiais contra as persoas que se manifestan no aeroporto, as mobilizacións pacíficas continúan a estas horas.