As protestas polos eólicos traspasan a fronteira galega

Un parque eólico no monte Pindo, no concello de Carnota (Imaxe: Wikimedia).
Centos de persoas protestan en Zamora contra a proliferación dos parques eólicos e as plantas solares

A "burbulla" de proxectos eólicos que amenaza Galiza xa traspasa fronteiras. Na veciña Zamora, centos de persoas concenráronse este sábado na praza de Viriato da capital para protestar contra a proliferación de plantas solares fotovoltaicas e parques eólicos en diferentes puntos do seu territorio.

Citadas por varias asociacións comarcais, as persoas asistentes clamaron contra o que consideran unha avalancha de instalacións destas características.

Acompañados polo son das gaitas e dos tamborís, os asistentes lanzaron proclamas como 'Zamora, esperta, puxéronche en venda', nun acto que contou co apoio de varios partidos políticos de distinta índole e no que as pancartas con mensaxes supliron a ausencia dun manifesto común.

Nese sentido, os manifestantes deixaron patente o seu malestar a través de lemas como 'Zamora  despoblada foi traizoada', 'Quítannos as comunais para lucrarse coas solares', 'Non aos  macroproyectos enerxéticos', 'Por un futuro sostíbel para os pobos de Zamora' ou 'Renovábeis si, pero non así'.

Esta mobilización, aínda que máis modesta, lembra á que tivo lugar a semana pasada en Compostela, na que milleiros de persoas cargaron contra a "desfeita eólica" que promoven as eléctricas coa complicidade da Xunta.

Tamén nos últimos días foron varias as voces que criticaron a construción de parques eólicos en contornas de especial valor ecolóxico e patrimonial e que, como argumentan, no están en contra das renovábeis, mais si do modo en que se están a fomentar.