Protestas en Pontevedra e na Coruña contra as touradas

Protesta antitaurina en Pontevedra
Os colectivos 'Touradas Fóra de Pontevedra' e 'Galiza mellor sen touradas' celebraron actos de protesta contra as touradas que se celebran estes días nestas cidades galegas.

A Coruña viviu outra protesta da Plataforma antitaurina. 'Galiza mellor sen touradas' convocou unha manifestación na que participaron centos de persoas que berraron consignas contra o que consideran "unha salvaxada". Segundo a Plataforma antitaurina este ano o concello da Coruña gastou ao redor de 90.000 euros na matanza de touros.

En Pontevedra a plataforma cidadá 'Touradas Fora de Pontevedra' instalaron nunha vivenda particular fronte ao Tendido 3 do Coso de San Roque unha gran faixa na que se pode ler precisamente a frase que lles da nome. Na pancarta, obra do grafiteiro Ras, aparece a imaxe dun touro pastando anteposta a unha caveira sobre fondo negro.

Pontevedra repetirá protestas contra as touradas os días 8 e 11 de agosto.

A Plataforma antitaurina pontevedresa,  unha asemblea cidadá non partidista, sen vinculación con entidade política algunha, na que se integran persoas a título particular de diversa procedencia e ideoloxías, unidas polo seu rexeitamento á absurdamente chamada 'festa nacional', recolleu numerosos apoios nos últimos meses. Segundo informaron aos medios de comunicación esta non será a única protesta deste ano. Xa convocaron dúas máis os días 8 de agosto, cun peche simbólico do Coso Taurino de San Roque, e o 11 de agosto, cunha manifestación Antitouradas ás 20:00 horas con saída na Peregrina.