''Sen financiamento público, os festexos taurinos na Galiza terían os días contados''

Galiza mellor sen touradas quece motores para a concentración do sábado na Coruña (praza de María Pita, 19.00h). O evento contra a emprego de cartos públicos en festexos taurinos conta co apoio dun amplo abano de colectivos, que van desde o sindicalismo combativo até as artes escénicas pasando polo propio movemento animalista. O Espazo parlamentar pola defensa dos animais non aparecerá na listaxe, ao se desvincular o PSOE

"Sen financiamento público, os festexos taurinos na Galiza terían os días contados". Con tal convencemento arrinca a conta atrás para a concentración que a plataforma animalista Galiza mellor sen touradas (GMST) organiza este sábado na Coruña, cadrando con máis unha celebración da feira taurina. O concello coruñés, gobernado por Carlos Negreira (PP), retirou as subvencións directas, mais "mantén os subsidios indirectos", denuncia Rubén Pérez Sueiras.

O activista cita os favores que a equipa de Negreira fai á única empresa que se postulou para correr cos gastos da organización do espectáculo, tales como a cesión de espazos públicos que fan as veces de aparcadoiros, ou o cobro dun canon anual que se elevou en só mil euros sobre o mínimo fixado, até 3.500€. Perdóanse máis unha vez os 117.000€ correspondentes ás taxas polo uso de espazos municipais e invístense até 426.000€ en facer do Coliseo unha praza de touros pechada. "Moita xente aínda pensa que na Coruña hai praza de touros, mais non a hai", sinala Sueiras.

O BNG da Coruña ve ''un suicidio'' financiar touradas
Desde A Coruña, a concelleira do BNG Ermitas Valencia leva tempo denunciando o "total escurantismo" con que o PP destina cartos aos touros "pola porta de atrás, sen a posibilidade de coñecermos a canto vai ascender a axuda". Nun momento de crise como o actual, onde os dereitos sociais seguen no albo dos recortes, manter axudas públicas ás touradas é, ao entender de Valencia, "un suicidio".

Lembrou a nacionalista como no concello de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores fechou a billa do financiamento público a este festexo, mais o PP "amañouno" para seguir destinando cartos, desta volta a través da deputación de Pontevedra. Volvendo á Coruña, o BNG presentou unha moción para seguir o exemplo da cidade do Lérez avalada por 20.000 sinaturas doutr@s tant@s veciñ@s, e que o PP rexeitou.

Un manifesto inspirado nun acto antitaurino de 1943
"Aspiramos a que os cartos e o apoio que se destinan ás touradas non vaian parar nunca máis a este espectáculo", di, abraiado polo apoio que a convocatoria da concentración atopou en colectivos "que non teñen como eixo central da súa actividade a defensa dos animais". Para alén de colectivos ecoloxistas como Adega ou Verdegaia, adhírense partidos políticos --BNG, Esquerda Unida, CxG ou Espazo Ecosocialista--, organizacións xuvenís como Galiza Nova ou as Mocidades Irmandiñas, centros sociais como o Gomes Gaioso, o colectivo estudantil Comités, o sindicato CIG ou colectivos antitaurinos de Euskal Herria e doutros puntos do estado, entre outros apoios que aparecen no evento creado na rede social Facebook.

Queda claro con tal abano o obxectivo central do manifesto que se lerá na concentración. Inspirado nunha concentración antitaurina con data de 1943 "queremos que se vexa que os movementos contra as touradas nin son de agora nin están vinculados a unha ideoloxía, senón que responden a unha reivindicación da cidadanía".

O PSOE desvincúlase da concentración na Coruña
Tamén contra os subsidios públicos ás touradas se manifestou o Espazo parlamentar pola defensa dos animais (EPDA), constituído no Parlamento galego e do cal fan parte catro deputad@s do PSOE, tres do BNG e a asociación animalista Libera! Porén, desde o PSOE, Carmen Gallego --deputada integrada no EPDA-- informa que este partido non formará parte dos colectivos que apoian a concentración da Coruña. Ao preguntarlle polas motivacións, argumenta que "tampouco estamos en moitas outras cousas". Pola súa banda, no momento de se constituír, o EPDA si que se mostrou en contra do emprego de cartos públicos en festexos taurinos "no canto de dedicalos ao esforzo do eido social".

Carme Adán, deputada do BNG que tamén fai parte deste espazo, non nega o apoio ao acto da Coruña e considera "absolutamente inadmisíbel" pagar ou axudar a pagar espectáculos baseados en "inflixir sufrimento aos animais" e "totalmente alleos á nosa cultura". De feito, aínda nestes días se coñeceu que o concello da Coruña deixará de achegar os ao redor de 12.000€ que entregaba á organización da Mostra de ciencia e cinema.

Cultura contra a tortura
Desde a cultura chegan tamén as palabras de rexeitamento a unha actividade que xustifica a violencia "ao amparo da tradición". Así as cousas, un manifesto asinado por até 64 persoas vinculadas ao eido das artes escénicas entrou na caixa do correo dos medios de comunicación esta terza feira co obxectivo de rexeitar publicamente a tauromaquia "en todas as súas formas", para alén de que esta actividade se financie con cartos públicos e manifestar o seu apoio á concentración da Coruña.

"No contexto dunha brutal crise económica e social resulta dunha profunda indignidade adicar os impostos da cidadanía para subsidiar eventos de tortura animal", sinalan no texto, repasando o contexto de "precariedade, continuos despedimentos e falta de futuro" en que desenvolven a súa actividade est@s profesionais nun sector "esquecido polo apoio das institucións".