Sanidade pública

Protestas na Caniza contra o feche do consultorio médico de Valeixe

Concentración en defensa dos servizos médicos na Caniza. (Foto: Nós Diario)
Comesaña defende o feche das camas hospitalarias 

As protestas pola falta de persoal en Atención Primaria chegaron á Caniza, na comarca da Paradanta. Precisamente, na xornada desta segunda feira, centos de veciños e veciñas concentráronse diante do centro de saúde da localidade para denunciar o recorte de persoal facultativo e o feche do consultorio de Valeixe.

O consultorio de Valeixe conta cun equipo de medicina familiar e comunitaria que atende a veciñanza desta parroquia do concello da Caniza e a unha parte da poboación do municipio de Crecente. Porén, o consultorio non oferta desde hai perto dun mes asistencia sanitaria ao non contar coa facultativo. 

A voceira na Caniza da Plataforma en defensa da sanidade pública do Condado e Paradanta, Trini Pérez, explica a Nós Diario que “a ausencia de médico no consultorio de Valeixe obriga a un facultativo do centro de saúde da Caniza a atender a doentes adscritos a Valeixe en horario de tarde e aos seus pola mañá, cos problemas que isto xera”.

Pérez denuncia a precariedade de medios do centro da Caniza, que “conta con tres médicos pero nese momento só están traballando dous, co problema engadido da ausencia de persoal en Valeixe”. Neste sentido, advirte dunha “perda de calidade asistencial, porque  os tempos de agarda aumentan”.

A portavoz da entidade lembra que “cada vez que chega o verán a situación empeora, porque non son cubertas as vacacións do persoal e con menos médicos hai que atender a un número maior de persoas”. Neste dirección, apunta que “por exemplo, o ano pasado estivemos un mes sen pediatra, o que obrigou a atrasar as revisións das crianzas ou acudir a outros municipios”.

Feche de camas hospitalarias

A mobilización  na Caniza desenvolveuse horas máis tarde que o conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña, xustificara a redución de camas hospitalarias nos meses de verán en base “a experiencia dos últimos anos”. Porén, asegurou que “ningún galego vai quedar sen cama no verán, como nunca quedou en ningún hospital galego nestes últimos anos”.