Protesta en Santiago contra o 'electroshock': "Hai outras terapias, pero isto é máis fácil e barato"

Concentración na praza do Toural para pedir "liberdade para Iván". (Foto: Arxina)
A Asociación de Pacientes do CHUS convocou esta terza feira unha concentración na capital galega para denunciar o caso de Iván, un mozo de Arzúa ingresado en Conxo e sometido a terapias electroconvulsivas con aval xudicial, malia a súa oposición e da súa familia, que pide que sexa dado de alta.

Decenas de persoas concentráronse esta terza feira na praza do Toural de Santiago para protestar contra o uso da terapia de 'electroshock', como a que está a recibir un mozo de Arzúa ingresado na unidade de psiquiatría do Hospital de Conxo, algo ao que se opón a súa familia. O presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, Fernando Abraldes, denunciou ante os medios de comunicación que Iván entrou no centro psiquiátrico de Conxo "completamente consciente" e que "non quería ser tratado con terapia de 'electroshock'".

"Estando xa ingresado —proseguiu Abraldes— o mozo tivo capacidade para decidir o seu avogado e procurador, pero se lle quita a capacidade de decidir sobre a súa saúde e o seu corpo", e isto, insistiu, "é unha incongruencia". No caso de Iván, lamentou, "estase atentando contra dereitos fundamentais".

Fernando Abraldes apuntou que na Galiza os 'electroshocks' "están a aplicarse a unhas 3.000 persoas", pero "non se fai en todo o territorio". Así, sinalou que áreas sanitarias como as de Lugo ou Ourense non permiten o uso desta ferramenta "por cuestións éticas". Tamén precisou que este caso "non é o único" no Hospital de Conxo e recalcou que este tipo de tratamento "non conta con soporte científico" e "pode producir danos na memoria e lesións cerebrais".

Sobre a situación do mozo de Arzúa, apuntou que "parece ser que xa lle deron a sétima sesión" e "esperan dalo de alta dentro de pouco, en dous ou tres días". Abraldes insistiu en que "hai outras alternativas" que requiren "outros medios psicolóxicos, acompañamento e tempo", pero iso "non se quere facer porque o 'electoschok' é moito máis fácil e barato".

De todos os modos, a familia do mozo de Arzúa, en declaracións a Nós Diario, asegura que "aínda lle quedan dúas sesións máis antes de darlle a alta".

A familia do mozo manifestou a súa oposición a este tratamento e o seu desexo de que o paciente sexa dado de alta

Un mozo escribe mensaxes de ánimo para Iván. (Foto: Arxina)

Ingreso xudicial por "risco elevadísimo de suicidio"

O mozo, de 30 anos e orixinario de Arzúa, permanece ingresado desde principios do mes de febreiro na planta de Psiquiatría do Hospital de Conxo após ser atendido por un cadro psicótico. Dada a súa situación, avaliada polos psiquiatras no hospital e ante o "altísimo risco para a súa vida" que supón a "grave patoloxía" que padece, recolle un auto emitido polo Xulgado número 6 de Santiago, determinouse o seu ingreso xudicial en Conxo, así como que se lle aplique un tratamento de 'electroshock'. A familia do mozo manifestou a súa oposición a este tratamento e o seu desexo de que o paciente sexa dado de alta.

No auto, o xuíz chama a atención sobre que o mozo padece unha "patoloxía grave" que supón un perigo para a súa propia vida, dado que persiste na actualidade "sintomatoloxía psicótica activa", e que, a maiores, non é "consciente do seu trastorno mental e da necesidade do tratamento pautado", polo que se atopa "imposibilitado" para "decidir no momento actual".

O xuíz, que se basea nos informes de Psiquiatría do hospital, así como nunha avaliación forense por parte do Imelga e nun recoñecemento xudicial do home, estabelece que existe "un risco grave e inminente para a integridade física do paciente de ser autorizada a súa alta hospitalaria e o seu traslado ao centro proposto polo proxenitor", que é "manifestamente inadecuado de maneira obxectiva para o tratamento que precisa".

Que opinan as persoas expertas?

Sobre o tratamento proposto polo seu psiquiatra, o auto recolle que, desde o ingreso, tentáronse, sen éxito, "cinco tratamentos orais alternativos" e que os especialistas consideran que a terapia de 'electroshock' está "absolutamente xustificada". O mozo xa recibiu algunhas das sesións programadas.

A raíz deste caso, diferentes especialistas consultados por Nós Diario sinalaban recentemente o seu apoio ao uso de terapias electroconvulsivas, mais só en casos moi concretos, para pacientes con cadros especialmente graves como esquizofrenia ou depresión aguda e após fracasaren outros tratamentos.