Denuncian tamén dous membros da CIG pola súa participación nos protestos contra Merkel

[Imaxes JOSE CABALAR]

Paulo Carril e Xabier Aboi recibiron senllas notificacións da Subdelegación do Goberno español en que lles advirten da abertura dun proceso penal e dun expediente sancionador.

 

Segundo puido saber Sermos Galiza esta quinta feira (8 de xaneiro) o secretario confederal de Organización da CIG, Paulo Carril, e o secretario nacional da CIG-Mar, Xabier Aboi, recibiron cadansúa notificación da Subdelegación do Goberno español. 

No documento remitido, as autoridades españolas informan a ambos os dous militantes nacionalistas da abertura dun procedemento penal e dun expediente sancionador pola súa participación nos protestos decorridos en Compostela o pasado mes de agosto coincidindo coa visita de Angela Merkel e Rajoy. 

O argumento que utilizaría a policía contra Carril e Aboi é análogo ao empregado contra o voceiro municipal do BNG en Compostela, Rubén Cela, o de seren responsábeis -cabecillas- da organización dos protestos contra a presenza da chanceler en Compostela.