Sanidade pública

Veciñanza da Fonsagrada mobilízase para denunciar a falta de persoal médico

Protesta fronte ao centro de saúde da Fonsagrada, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
O centro de saúde, alerta o BNG, ten só tres médicas que atenden a veciñanza da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, perto de 4.000 persoas "cunha media de idade moi avanzada".

O BNG convocou esta segunda feira, 27 de novembro, unha concentración na Fonsagrada "pola defensa da sanidade pública da comarca" secundada por decenas de persoas. A concelleira nacionalista Rosa Rego explicou que na actualidade o centro de saúde da vila conta só con tres médicas que atenden a veciñanza da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, perto de 4.000 persoas "cunha media de idade moi avanzada".

"A Xunta intenta facer na Fonsagrada o que xa se fixo noutros centros de atención primaria, redúcese a calidade do servizo até fechar o centro de saúde", denunciou Rego. "Tras anos sen asumir as demandas da xente da Fonsagrada e facilitar os servizos de radioloxía ou fisioterapia sen ter que desprazarse até Becerreá, temos que soportar agora que rematen tamén coa atención primaria", proseguiu.

A edil lamentou, aliás, que se eliminase "o médico compartido con Negueira de Muñiz, como fixeran xa antes co de Ribeira de Piquín". "Na Fonsagrada perdemos un facultativo tres días á semana", alertou, sobre a situación actual da atención sanitaria no municipio. O BNG destaca a "gravidade" da situación, dado que o vindeiro mes xubílase outro médico e a veciñanza teme que o Sergas "non cubra a praza, como fixo noutros concellos", afirman os nacionalistas.

A resposta a esta concentración "foi masiva" por parte da veciñanza da Fonsagrada e de Negueira de Muñiz, aseguran, e decidiron seguir adiante con outras medidas, entre elas a recollida de sinaturas "até conseguir que o Sergas revirta esta situación". Ademais, o BNG presentará diferentes iniciativas no Parlamento galego para reactivar a atención primaria, e neste caso, a reposición urxente de persoal facultativo desta comarca.