A protección do lobo extrema o debate e centra o futuro na conservación do medio

Varios lobos ibéricos do Centro do Lobo Ibérico na localidade de Robledo de Sanabria (Zamora) (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O lobo ibérico xa é unha especie protexida e non se pode cazar. Unha conquista que os grupos ecoloxistas aplauden, entre reparos ao texto aprobado polo Goberno do Estado, e que outros expertos rexeitan como medida eficaz para o coidado da especie e a conservación do medio natural.

Desde esta semana o lobo ibérico é unha especie protexida en todo o Estado. Para as organizacións ecoloxistas, a súa inclusión na Listaxe de Especies en Réxime de Protección Especial (Lespre) é "unha decisión histórica" que suspende a súa caza en todo o territorio, tamén ao norte do Douro, onde aínda se permitía pola súa situación favorábel.

"O lobo desaparece como especie cinexética e pasa a xestionarse mediante a Lei de protección da biodiversidade", resume Martiño Nercellas, vogal de biodiversidade da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega).

A poboación de lobo na Galiza está no mellor momento dos últimos 30 anos

Con todo, e "a pesar deste fito legal", aínda queda camiño por percorrer, advirte, en vista de que o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico "optou por unha regulación intermedia" que ofrece certo receo ao movemento ecoloxista á espera de que se aprobe a "Estratexia de conservación da especie", comprometida polo Goberno.

De inicio, Nercellas critica a posibilidade de que se poidan "seguir autorizando controis de caza" por danos sempre que atendan determinados requisitos, mais destaca a oportunidade de impulsar outras medidas de protección do gando, "medidas de manexo preventivo" que cómpre normalizar nas explotacións.

As achegas correspóndenlle ao Estado, di o voceiro de Adega, e "a Xunta debera deixar de lado a confrontación para reclamarlle que cumpra  e destine ás explotacións axudas xenerosas".

A curto e medio prazo, Martiño Nercellas apunta "un efecto positivo na loita contra o furtivismo" e reivindica maior investimento en campañas de educación ambiental e concienciación sobre o lobo na procura dunha imaxe máis "amigábel da especie".

Blindar as axudas 

O lobo é un animal fascinante que esperta admiración e rexeitamento, un sentimento ligado á súa natureza predadora. Mais esta non pode ser a única guía para achegarse á especie e entendela no marco natural da Galiza e da actividade agrogandeira.

Para o biólogo Pedro Alonso, experto no estudo do lobo, a inclusión desta especie na lista de especial protección é "un despropósito", sen fundamento científico nin consenso social, unha eiva que o único que consegue é "desprazar as persoas afectadas cara a posicións máis extremas".

Desde o punto de vista administrativo, Alonso convida a Consellaría de Medio Ambiente a "blindar as axudas" aos propietarios de gando. "Debe pór o cronómetro a cero e computar cada euro para, se procede, trasladarlle ao Ministerio a minuta". O que non pode, di é "propagar a posíbel situación de indefensión do colectivo de gandeiros porque iso coloca no punto de mira a especie". Neste sentido, o biólogo advirte dunha "campaña de acoso á especie a través de sistemas de persecución moi difíciles de detectar".

Densidade de lobos dispar

Pedro Alonso vén de asinar xunto a David Martínez e Miguel Hevia un estudo que proba a existencia de 16 grupos reprodutores nunha área de 3.000 km2 no norte da Galiza. "Determinamos que a evolución experimentada pola especie é máis que favorábel. Dos seis grupos familiares rexistrados en 2015 pasamos a 22-24 en 2020". Mais isto non reflicte o que ocorre no resto do país, onde a presenza de e lobo varía en función do nivel de ocupación no rural. A sabendas de que unha maior actividade tamén representa maior nivel de furtivismo.

"A mortalidade actual de lobo é 100% furtiva, en batidas de porco bravo, xa que comparten hábitat, e como consecuencia do uso de lazos e veleno".

Malia todo, Alonso defende que a poboación de lobo na Galiza "está no mellor momento dos últimos 30 anos". Non corre perigo, di, "pero o grao de conflitividade é moi elevado, e nalgúns casos, extremo. E iso vai condicionar as circunstancias que son favorábeis para a persistencia do lobo".

Demanda "políticas transversais" a prol do desenvolvemento do medio rural que asente poboación e "logre aproveitamentos acordes coa conservación do medio natural". Pedro Alonso critica a proliferación de eucalipto fronte ao bosque autóctono e o descoido de aproveitamentos gandeiros en extensivo de vacas ou bestas, "que están a desaparecer"."Deberan ser un orgullo e reforzalas, pero esmorecen", sentencia.

"O lobo é unha especie moi interesante que axuda a controlar outras familias salvaxes"

Xosé García Freire rexenta a Casa da Fonte no lugar de Mañente, en Pantón; unha granxa "rexenerativa" dedicada á cría e manexo natural de gando vacún de leite. "Malia convivir  con algúns exemplares de lobo, aquí non hai mandas asentadas e nunca tivemos problemas. Ben é certo que temos seis mastíns cos animais, cercados e en grupos". En total coida 87 cabezas de vacas e becerras.

"Persoalmente non considero o lobo unha ameaza pero entendo que a miña realidade non é a de todos. Hai quen sofre ataques continuos e quen pon medios para defenderse sen éxito. O que non entendo é que moitos se limiten a dicir que o lobo é malo sen facer máis por evitalo". García Freire chama ás Administracións a fomentar medidas preventivas e a pagar os danos "nun tempo razoábel e cun importe adecuado".

"Eu considero que o lobo é unha especie moi interesante porque axuda a controlar a fauna salvaxe que pode ser vector de enfermidades para o gando, e creo que os controis de caza, que non os apoio, deben atender a un criterio científico e xustificado".