O documental pode verse de balde na web de Suncine até o 12 de novembro

Manuel Pedrosa: "Ao abandonar o campo estamos empobrecendo tanto a cultura como a natureza"

Após unha rodaxe de cinco anos no Macizo Central, vén de estrearse o documental Entre pastores e lobos no marco do Festival Internacional de cine do medio ambiente Suncine. En Nós Diario tivemos o pracer de conversar co director desta marabillosa cinta, Manuel Predrosa.

Manuel Pedrosa Sánchez.
photo_camera Manuel Pedrosa Sánchez, director de 'Entre pastores e lobos' [Imaxe: Cedida].

Os lobos son animais emblemáticos que espertan sentimentos contrapostos na sociedade. A súa figura evoca liberdade, admiración e unha actitude positiva na maior parte da poboación urbana. Sentimentos que se transforman en rexeitamento en amplas zonas rurais onde a convivencia con este mamífero é moito máis estreita

A día de hoxe, só oito pastores manteñen a tradición e contemplan o fin dunha forma de vida. É difícil atopar un lugar neste continente onde a cultura do pastoreo deixara unha pegada tan evidente na paisaxe.

Após unha rodaxe de cinco anos no Macizo Central, vén de estrearse o documental Entre pastores e lobos no marco do Festival Internacional de cine do medio ambiente Suncine, que decorre en Barcelona até o día 12 de novembro de 2020. Un proxecto que pode (e debe) visualizarse online e de forma gratuíta até o día 12 de desde a web do festival Suncine.

Producido por IBIS, Natureza e imaxe e dirixido por Manuel Pedrosa Sánchez, o documental Entre pastores e lobos (64’ de duración) achéganos á realidade dos lobos filmados en liberdade no seu medio natural e aos últimos pastores das Serras de Manzaneda e Vilariño, no Macizo Central

En Nós Diario tivemos o pracer de conversar co director deste marabilloso documental, Manuel Predrosa, quen non só nos falou da verdadeira face do pastoreo tradicional e da súa relación co lobo, senón que tamén nos confesou a fascinación que sente polo espectacular patrimonio etnográfico e natural das montañas galegas e polos seus ciclos naturais.


Como comezou esa fascinación polo pastoreo tradicional e os lobos?

Somos biólogos e levamos moito tempo vinculados ao monte, mais non focalizados só nunha especie. As persoas que están máis presentes na montaña continúan a ser os pastores. Entón, sempre que temos oportunidade de parar para falar con eles, facémolo. 

Os pastores teñen esoutra visión que xa se perde cada vez máis, unha óptica moi pausada, de estar día a día vendo e apreciando os cambios que hai. E iso só se consegue estando tanto tempo no monte, e máis nese territorio que tratamos no documental, no Macizo Central, que está moi vinculado cultural e etnograficamente co pastoreo desde séculos e séculos atrás... E curiosamente, ten relación tamén con outras zonas europeas nas que se dan Entroidos parecidos, con figuras similares. Iso significa que veñen dunha tradición pastoril moi antiga.

No documental tratamos o Macizo Central, que está moi vinculado cultural e etnograficamente co pastoreo desde séculos e séculos atrás

Ese tipo de traballo cada vez é máis difícil de levar a cabo. Aproveitamos. Os pastores que hai son os últimos que manteñen ese traballo comunitario de subir o gando das aldeas. Antes contrataban un pastor, que era o que levaba ao monte o gando de varios veciños. Segundo a cantidade de reses que tivesen, facían quendas e ían máis días ou menos levarlle comida ao pastor e axudalo. 
E parece mentira que agora en pleno século XXI esta xente continúe exercendo eses labores. E a pena é esa, que en poucos anos ese vínculo vai desaparecer. 

Foto 07 Pastor Manolo Fernández b

De feito, un dos pastores que participa no documental di: “pouco vai quedar aquí”, “máis ben nada”.

A verdade é que iso coméntano moito, Manolo, Nicanor... Son xente que xa ten 60 anos ou máis. Eles din “isto é moi suxeito” porque é un traballo moi escravo, tes que estar todos os días. Habería que adaptar ese tipo de oficios até os tempos de agora... Ao mellor, levándoo entre varias persoas si daba para ter un par de días libres á semana. Agora mesmo, se non se formula desa maneira, non ten renovación. Porque claro, quen está disposta a pasar toda a súa vida sen poder librar ou sen facer quendas? De forma individual, é unha carga laboral brutal. Tería que adaptarse aos novos tempos, ter un apoio... Con todos os beneficios que leva consigo ambientalmente, sería unha mágoa que desaparecese ese mundo. 

Con todos os beneficios que leva consigo ambientalmente, sería unha mágoa que desaparecese ese mundo

Desde o documental achegan unha visión moi curada do lobo, non só de como se relacionan entre eles e de como crecen en manda, mais tamén como interactúan cos rabaños, coas persoas.

Foi moito esforzo para tentar sacar os lobos no seu medio natural e non optar pola solución de planos moi próximos, da cara, dos ollos, das patas... que só podes sacar con animais en cautividade. 
O que queríamos era dar a coñecer un pouco a evolución dos grupos familiares de lobos, de como vai cambiando... A sensación que temos é que, ao redor das zonas urbanos, o lobo é un animal fascinante. Mais iso está moi afastado da realidade da depredación do lobo sobre o gando, mais estes pastores chegaron ao equilibrio de aumentar o número de cans cos que defenden o rabaño, co cal non ten tantos danos. 

A sensación que temos é que, ao redor das zonas urbanos, o lobo é un animal fascinante. Mais iso está moi afastado da realidade da depredación do lobo sobre o gando

Interesábanos tamén coñecer a súa opinión, como foron cambiando esas tornas, evolucionando desde fai 30, 40 ou 50 anos... cando había moitísimos rabaños e non tanta presa silvestre para os lobos. Esa mudanza non levou a unha variación no número de lobos, mais si na sensación de que agora atacan menos... mais tamén porque teñen outras presas que comer. É dicir, a relación non é sempre lineal: que haxa máis ataques de lobos non implica que haxa máis lobos, igual hai menos presas silvestres. E isto queriamos reflectilo porque non se pode tratar unha temática deste estilo con xeneralidades. 
En concreto, con estes pastores do Macizo Central non se pode trasladar a outras situacións como se poden dar no norte da Galiza, onde os lobos están adaptados a predar sobre o cabalo de monte. Adaptar medidas de prevención con ese tipo de gando é moi complicado. Así, a visión que poden ter no rural xente que está vinculada á gandaría extensiva de cabalo ou de vacas é ben diferente á que podes ter desde unha cidade, que non tes esa presión diaria...

que haxa máis ataques de lobos non implica que haxa máis lobos, igual hai menos presas silvestres

Coido que falta empatía. Pórse no lugar dos outros e tentar entender as dúas partes. Nas redes sociais queremos resumir todo en dous parágrafos, o que xera un conflito verbal e un afastamento moi prexudicial. Tendemos a polarizar todo e é un erro. 

Ao final fixeron cinco anos de gravación, como foi?

Foi un milagre [risas]. A nosa intención era telo feito en menos tempo, mais asumimos practicamente todos os gastos, toda o financiamento. Foi un proxecto totalmente independente e levado por nós. Isto dáche a marxe de poder recoller no tempo unha evolución, non tiña esa urxencia das producións audiovisuais que dependen dunha dead line

Foi un proxecto totalmente independente e levado por nós

Botamos moitas, moitas horas no monte, con moito esforzo. Por iso despois de ir gravar ós montes baixabamos a tomar o café cos pastores, a cear con eles... Acolléronnos moi ben. Aproveitamos o traballo de investigación que levaba Pedro Alonso con outros gardas da zona, até que chegou a pandemia e houbo que rematar o proxecto enteiro para darlle unha saída. 

Foto 02 Paisaje Castelo Cerveira b

Precisamente, á parte de ver os lobos no seu hábitat ou de mostrar o quefacer diario no pastoreo, tamén coñecemos, dunha forma íntima e moi natural, a vida dos protagonistas. Chama a atención o caso da poeta Nieves Fernández Vidueira. 

A verdade é que si. No caso de Nieves, xurdiu o coñecela e convidounos a xantar na súa casa un botelo riquísimo [risas]. Falando con ela descubrimos unha persoa que nos chamou moito a atención. Ela aproveita cando vai coas ovellas para escribir. Nieves saca unha foto a diario, cólgaa no Facebook, fai poesía, e é moi activa co Entroido, ten un museo de tallas que fixo ela mesma. É un verdadeiro pracer escoitala, ver como se expresa. 

Nieves emigrou e volveu porque non se adaptara a unha gran cidade. Que valore esta calidade de vida e as paisaxes que hai aquí na Galiza é de agradecer... Porque moitas veces, supoño e espero que non sexa algo endémico, é unha mágoa comprobar que non se valora máis a espectacularidade natural que hai na Galiza ou ver que se destrúe tantas veces. Aquí temos zonas que son unha marabilla. Debemos divulgalas, coñecelas, valoralas máis.

é unha mágoa comprobar que non se valora máis a espectacularidade natural que hai na Galiza

Unha cuestión na que inciden no documental é na recuperación dos ecosistemas e na renaturalización, mais tendo en conta que as persoas tamén fagan parte dese medio natural, sen excluílas nese proceso. 

Claro, porque todo éxodo rural cara ás cidades para o traballo levou, a nivel europeo, a iso que estás comentando, a unha renaturalización dos ecosistemas polo abandono das tarefas tradicionais do campo. Ou sexa, é unha oportunidade que debemos aproveitar. 

Non obstante, se se formula como excluínte, como todos recluídos nunha cidade e saír só a facer as fotos co móbil para colgar nas redes sociais cun “que bonito é esta paisaxe abandonada”... toda a parte cultural asociada a eses aproveitamentos tradicionais quedan sen o valor que teñen. E iso sería unha tristeza. 

E é algo que acontece, por exemplo, co pastoreo. En todo ese contorno, concretamente do Macizo Central, das serras de Manzaneda, de Vilariño... se eliminas o pastoreo xa nin habería Entroido porque, culturalmente, o Entroido vén de aí. Estamos empobrecendo tanto a cultura como a natureza porque ao abandonar o campo recupera o que despois acaba tendendo a bosque...

É como se considerásemos que o ser humano está fóra da natureza, e non é así. O ser humano tamén transforma, e esa transformación dá pé a que outras especies como perdices, lebres, coellos... estean presentes. É un pouco o intento de conservar ambas as partes, non só o excepcional. Podemos conservar as actividades agrícolas e gandeiras tradicionais e a natureza

É como se considerásemos que o ser humano está fóra da natureza, e non é así

O documental pode ver en liña o documental, de balde, até o día 12. Como se sente ao ver o documental como parte de Suncine.

Estamos felices de que se proxecte no Suncine, un espazo que xa levaba anos seguindo. Un festival internacional de cinema ambiental, que é unha referencia. Estamos moi orgullosos de estar aí.
Foi unha decisión moi valente por parte da organización do festival de seguir adiante e non suspendelo polo tema da pandemia. Ao contrario, de facelo accesíbel a todo o mundo, online... Doulle os parabéns. 
Esperamos que guste, que a xente valore e coñeza esa outra forma de vida. Para nós é unha satisfacción.

Comentarios