tecnoloxía

Protección de Datos, en alerta por Worldcoin: por que pode ser perigoso 'vender' o iris a cambio de criptomoedas?

Worldcoin escaneou os iris dos ollos a cambio de criptomoedas. (Foto: Nós Diario)
A AEPD ordena a Tools for Humanity, a compañía do propietario de Open IA, Sam Altman, o cesamento "inmediato" da recollida e tratamento de datos persoais que está a realizar no Estado español, tamén na Coruña, a través do proxecto Worldcoin.

Perto de medio millón de persoas no Estado español 'venderon' nos últimos meses os seus iris á compañía estadounidense Tools for Humanity, a través da ferramenta Worldcoin, aceptando criptomoedas como método de pagamento. O pasado mes de febreiro Worldcoin intensificou a súa ofensiva e despregou numerosos puntos de recollida de datos biométricos en centros comerciais de diferentes cidades, entre elas A Coruña —en Marineda City—. E para que quere unha multinacional o teu iris? O obxectivo, din, é crear algo similar a un "pasaporte de humano" que sería único e intransferíbel ao basearse no iris. Mais aínda hai dúbidas sobre o uso que pretenden darlle.

Tools for Humanity Corporation, empresa impulsada polo responsábel de Open IA —creador de ChatGPT—, Sam Altman, está a ser investigada nos países nos que está xa presente, como Francia, Alemaña ou o Reino Unido, por se puidese vulnerarse o dereito á privacidade no tratamento de datos persoais. E a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) é o primeiro organismo estatal en tomar cartas no asunto.

A Axencia anunciou esta mesma cuarta feira a adopción de medidas cautelares contra Tools for Humanity, á que exixiu o cesamento "inmediato" da recollida e tratamento de datos persoais que está a realizar no Estado español a través do proxecto Worldcoin, e deberá bloquear tamén con carácter de urxencia a información xa recompilada nos últimos meses.

O organismo decidiuse a actuar logo de recibir varias reclamacións contra a empresa estadounidense alertando, entre outras cuestións, da "información insuficiente" que ofrece ás persoas que 'venden' os seus iris, a "captación de datos de menores de idade" ou que "non se permite a retirada do consentimento" unha vez efectuada a operación. A cotización da moeda virtual de Worldcoin disparouse máis dun 500% nos últimos sete meses, pasando dos 1,07 dólares estadounidenses que valía cada unidade a comezos do pasado setembro aos 6,58$ polos que cotiza hoxe mesmo.

Cotización da moeda Worldcoin (en dólares estadounidenses) desde xullo de 2023. (Fonte: Coingecko)

A directora da AEPD, Mar España, detalla que esta medida cautelar obedece a unha decisión "baseada en circunstancias excepcionais", na que resulta "necesario e proporcionado" decretar a suspensión cautelar da súa actividade para previr a súa posíbel cesión a terceiros e "salvagardar o dereito fundamental á protección de datos persoais".

Esta actuación da Axencia realízase no marco do procedemento estabelecido no artigo 66.1 do Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD), que precisa que, en "circunstancias excepcionais", cando unha autoridade de control interesada —neste caso a AEPD— considere urxente intervir para "protexer os dereitos e liberdades das persoas", poderá adoptar medidas provisionais con efectos xurídicos no seu territorio e cun período de validez que non poderá ser superior a tres meses.

A Axencia de Protección de Datos considera que a adopción de medidas urxentes de prohibición temporal das actividades está xustificada para "evitar danos potencialmente irreparábeis" e que non tomalas "privaría as persoas da protección á que teñen dereito segundo o RXPD".