Prosegue a investigación polo acoitelamento mortal dun mozo na Coruña

Lugar no que se produciu o acoitelamento. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Yoel Quispe, de 22 anos, recibiu dúas coiteladas, unha no abdome e outra no corazón, que lle causaron a morte.

A investigación polo acoitelamento mortal dun mozo na Coruña segue aberta, sen que se producisen detencións até o momento, segundo confirmaron fontes próximas ao caso citadas pola axencia Europa Press. Está decretado o segredo do sumario sobre este suceso.

Mentres se investigan os feitos, a través das redes sociais do Club Deportivo Cristal, no que xogara o mozo —Yoel Quispe, un galego de 22 anos de idade— fíxose un chamamento a todas aquelas persoas que queiran colaborar e axudar á familia cos gastos do enterro, que terá lugar esta cuarta feira no cemiterio de Feáns.

 
 
 
 

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

A post shared by @deporcristal

Para reclamar xustiza e en lembranza do seu achegado e coñecido, houbo tamén unha concentración esta segunda feira no lugar onde se produciron os feitos, no inicio da rúa Sinfónica da Galiza, en confluencia con Juan Flórez.

En relación ao sucedido, foi un particular o que chamou sobre 6.35 horas do pasado 24 de decembro, día de Noiteboa, ao servizo de emerxencias do 112 informando de que vira este home apuñalado. Ao lugar desprazáronse servizos sanitarios do 061 e efectivos da Policía Local e Nacional. O mozo recibiu dúas coiteladas, unha no abdome e outra no corazón, que lle provocaron a morte, durante unha presunta pelexa na rúa.