Morre acoitelado un mozo na Coruña

Bloque de vivendas na rúa coruñesa de Juan Flórez. (Foto: Nós Diario).

A policía investiga o acoitelamento mortal dun mozo na Coruña

A agresión mortal que rematou coa vida dun mozo produciuse arredor das 6.45 da mañá deste domingo. O crime cometeuse na confluencia das rúas coruñesas de Juan Flórez e Sinfónica da Galiza, diante da tenda de roupa de Cortefiel.

A vítima, cuxa identidade se descoñece, faleceu dunha coitelada no corazón. As pesquisas policiais continúan a estas horas no lugar do crime, descoñecéndose sobre que hipóteses traballan as forzas da seguridade do Estado.

As cámaras de seguridade da zona, chaves

As unidades policiais traballan, tamén, neste momento na análise das imaxes das cámaras de seguridade da zona. O corpo do falecido foi trasladado ao depósito a primeira hora da mañá despois de que a xuíza de garda autorizase o levantamento do cadáver.

As fontes consultadas por Nós Diario sinalan que a arma homicida podería atoparse nun contedor de papel que neste momento tenta baleirar persoal do servizo de recollida do lixo.