Sanidade prorroga o uso do certificado Covid en hospitais e residencias durante 15 días máis

Imaxe de arquivo do Hospital da Coruña. (Foto: Europa Press)
Así o confirmou nesta sexta feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,

A Consellaría de Sanidade decidiu prorrogar, cando menos 15 días máis, a solicitude do certificado Covid nos hospitais con ingreso e nas residencias sociosanitarias, así como a limitación de comensais por mesa nos estabelecementos de restauración.

Así o confirmou nesta sexta feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a preguntas dos medios de comunicación, após a sinatura dos convenios de xestión do Sergas en Santiago coas sete áreas sanitarias galegas.

"Imos manter polo momento, a solicitude do certificado nestas zonas vulnerbeis, tanto en centros hospitalarios con ingreso como en centros sociosanitarios", explicou Comesaña.

Sobre a única restrición vixente na hostalaría na Galiza nas últimas dúas semanas, o titular de Sanidade indicou que a Xunta decidiu "manter ese límite de 10 e 20 en interior e exterior", respectivamente.

Non obstante, aclarou que seguirán "véndoo cada 15 días". "O certo é que esta semana con este repunte da incidencia acumulada aos sete (días), pero non en ningún parámetro fundamental, parecíanos oportuno mantelos e iremos cada 15 días estudando esa situación", concluíu.