Educación

A proposta de rebaixa de ratios enfronta os sindicatos coa Consellaría: "É unha tomadura de pelo"

Xuntanza da mesa sectorial docente non universitaria, esta segunda feira en Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)
A xuntanza para debater o documento da Consellaría retómase na cuarta feira.

A Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades e os sindicatos da mesa sectorial docente non universitaria (CIG, CCOO, ANPE e UXT) reuníronse esta segunda feira, 2 de outubro, sen alcanzar un acordo. A xuntanza retomarase a vindeira cuarta feira. A pasada sexta feira, 29 de setembro, Educación convocaba os sindicatos educativos a unha xuntanza para debater unha proposta de "mellora do funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docentes". Unha reunión convocada no medio da tensión do comezo do curso escolar e ante avisos de mobilizacións e paros por parte dos sindicatos se o Executivo galego non sentaba a negociar melloras como a redución das ratios nas aulas ou a recuperación do horario do profesorado.  

Para a Consellaría de Educación —que ofrecía rebaixar as ratios só en Educación Infantil e Primaria das 25 crianzas actuais a 20, así como un incremento de 15% no complemento específico ligado á formación do profesorado—, esta xuntanza foi unha "primeira toma de contacto", e os seus representantes cualificárona de "produtiva", comprometéndose a analizar as achegas das organizacións sindicais co obxectivo de seguir negociando na cuarta feira e alcanzar, nesa xornada, un acordo final.

"Tomadura de pelo"

Con todo, a representación sindical presente na mesa sectorial ofreceu unha valoración que dista moito da de Educación. Para a CIG-Ensino, a proposta da Consellaría é "impresentábel" e a central sindical nacionalista negouse a debater o texto "ao non incorporar a recuperación do horario lectivo" de 18 e 21 horas, respectivamente, no caso de Infantil e Primaria e no de Secundaria.

A CIG demandou esta segunda feira, en solitario, a retirada do documento e solicitoulle ao resto de organizacións sindicais "responsabilidade e firmeza á hora de defender as demandas do profesorado". Para a central nacionalista é unha "tomadura de pelo" que quen perpetrou "os maiores recortes do ensino público" presentara un documento no que "só se recolla unha baixada de ratios nas etapas de Infantil e Primaria", que non se materializaría, segundo a CIG, até dentro doutros dez anos, e "ignorando o resto de etapas". "É un escándalo", sentenciou esta segunda feira o sindicato.

Pola súa parte, CCOO denunciou o "escaso espazo de tempo" que houbo entre a convocatoria e o desenvolvemento da mesa e alertou de que "non están dispostos" a fechar a negociación da rebaixa das ratios nunha soa mesa sectorial, por ser un tema "de suma importancia". Alén diso, pediron que se inclúan na negociación ESO (25 estudantes), Bacharelato (28), FP e ensinanzas especiais, e rexeitaron o calendario de aplicación, que "debería implantarse ano a ano por ciclos".

Desde ANPE valoraron positivamente o comezo das negociacións mais consideraron que a proposta de Educación non recolle aspectos "fundamentais" como a restitución do horario lectivo ou a redución "insuficiente" das rateos, que ANPE considera que deben baixarse a 15 estudantes en Infantil, 20 en Primaria, 25 na ESO, e entre 26 e 27 en Bacharelato e FP.

Por outra parte, Anpas Galegas denunciou esta segunda feira, 2 de outubro, "atrasos sistemáticos" no transporte escolar, sinalando como "claros responsábeis" as empresas adxudicatarias e a Consellaría.