Proposta para crear un centro da UNED en Compostela

Goretti Sanmartín (BNG Compostela), con Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
O BNG reclama no Congreso que a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) abra un centro en Compostela para "atender a crecente demanda existente", sostén Néstor Rego.

Compostela precisa pola súa “importancia universitaria, económica-administrativa e poboación” un centro da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) que permita “completar a oferta educativa da capital”, defendeu esta segunda feira o deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego.

“Precísase dotar Compostela dun servizo do que carece na actualidade e atender a crecente demanda existente”, apuntou o deputado despois de rexistrar unha serie de iniciativas no lexislativo estatal para que se debata esta cuestión.

Entre os motivos para reclamar a instalación do centro da UNED, amais da importancia de que a capital da Galiza teña este servizo, Rego subliñou que “a demanda de estudos a distancia aumentou de maneira exponencial nos últimos tempos, debido en grande medida, ao incremento das cifras de persoas desempregadas e á necesidade de renovar ou completar a formación para atopar un novo posto de traballo”, circunstancias agravadas aínda máis pola chegada da pandemia por mor da Covid-19.

Rego lembra que até o de agora a universidade a distancia conta cun centro na Coruña (que xestiona unha aula en Ferrol), outro en Pontevedra (con extensións en Lalín, Tui e Vigo), un terceiro en Lugo (responsábel de aulas en Foz, Viveiro e Monforte de Lemos), e o último en Ourense (con aulas na Rúa, na comarca de Valdeorras).

“Esta distribución ten, no caso do Centro Asociado da Coruña, unha ausencia flagrante e non entendíbel posto que unha cidade coa importancia universitaria de Santiago carece, a día de hoxe, dun Centro Asociado ou unha Aula da UNED” sentenciou o representante do BNG.

Asemade destacou que se está “obrigando o alumnado a desprazarse moitos quilómetros, co conseguinte custo económico engadido”, polo que “non é entendíbel” que aínda non exista un centro ou aula na capital para acceder “a titorías, material e realización de exames”.

Máis de 250.000 persoas están matriculadas na UNED, que oferta 27 graos, 65 mestrados universitarios e 18 programas de doutoramento, así como 600 cursos de formación permanente. O ensino a distancia “é de grande utilidade para posibilitar a formación universitaria”, concluíu Rego.