É a taxa 'real' de paro na Galiza de 33%?

A EPA sitúa o paro no 12,4% en Galiza ao remate de xuño, mais aí non entran as ducias de miles de persoas en ERTE e moitos dos deniminados 'desánimados', que fan parte do colectivo 'sen traballo'. Economistas e investigadores piden que, para ter unha imaxe real do mercado laboral galego, débese de ter en conta a todos estes colectivos. 

Xente na rúa durante o estado de alarma. (Imaxe: Beatriz Ciscar / Europa Press).
photo_camera Xente na rúa nunha foto de arquivo (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).

O mercado laboral galego recuperou ao termo do segundo trimestre os datos previos á pandemia de coronavirus no relativo a algúns dos principais indicadores, como o da taxa de paro, que se sitúa no 12,4% con 152.400 desempregados, cando estaba no 12,65% ás portas do estoupido da Covid.

Con todo, esta crise sanitaria configurou unha nova realidade na que cobra especial relevancia o colectivo dos 'sen traballo', o conformado, ademais de polos desempregados, polos traballadores que na actualidade se acollen a expedientes de regulación de emprego temporal (ERTE) e tamén polos denominados traballadores 'desanimados': aqueles que están dispostos a traballar, pero non buscan activamente emprego.

Así o define o informe sobre a economía galega de Afundación, un documento que elaboran economistas e profesores do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade de Vigo e do Centro de Investigacións Abanca de Ieside.

En sintonía con multitude de axentes sociais e económicos, o estudo, presentado recentemente en Santiago de Compostela, valora o éxito dos ERTE "como ferramenta para evitar os despedimentos e o desemprego". Con todo, pon o contrapunto ao advertir que "xerou unha nova categoría de situación laboral".

Ter en conta estes colectivos, advirten os autores do informe de Afundación, "permite realizar unha análise diferente da evolución do mercado laboral que facilite unha comparación homoxénea do impacto 'real' das situacións de crise económica e social vividas nos últimos anos"

"Por suposto que un traballador en ERTE seguindo as definicións internacionais non é un parado, pero tampouco está a traballar. Son traballadores que están nunha situación transitoria, que tanto poden
volver á ocupación como finalizar a súa relación laboral e incorporase á lista de parados", constata.

Sobre este extremo centran as súas preocupacións tamén os sindicatos e a patronal, que, baixo o paraugas do Ministerio de Traballo, han ir prorrogando a duración dos ERTE, o último acordo até setembro deste ano.

Nestes momentos, por tanto, as 18.779 persoas en ERTE que había en Galiza a 30 de xuño forman parte dun dos principais grupos incluídos no colectivo dos 'sen traballo', do que tamén forman parte os desempregados e os denominados 'traballadores desanimados'.

Ter en conta estes colectivos, advirten os autores do informe de Afundación, "permite realizar unha análise diferente da evolución do mercado laboral que facilite unha comparación homoxénea do impacto 'real' das situacións de crise económica e social vividas nos últimos anos".

A idea, explican, é estimar unha taxa de desemprego "ampliada" que considere a todo o conxunto dos 'sen traballo'. Para iso, ademais de sumar os parados, os inactivos potenciais ('traballadores desanimados') e os traballadores en ERTE, avogan por engadir ao denominador os "traballadores desanimados que non son considerados poboación activa".

"Este cociente é un indicador máis adecuado que a taxa de paro oficial da situación laboral 'real' en termos da verdadeira incidencia da poboación sen emprego na economía, especialmente en situacións de crises", advirten.

No caso de Galiza, considerar ao colectivo dos "sen traballo" elevaría a taxa de paro do segundo trimestre de 2020 até o 33,2%, "un máximo histórico e que permite mostrar con claridade o intenso impacto sobre o mercado laboral das restricións impostas polo estado de alarma e que o uso xeneralizado dos ERTE ocultou", destacan.

Comentarios