"Propiedade privada: non aparcar" para evitar o estacionamento de autocaravanas no castro de Barreiros

O propietario da parcela do castro da Punta de San Pedro de Benquerencia (Barreiros) que está a ser empregada como aparcadoiro para autocaravanas, colocou un cartel advertindo que o terreo é propiedade privada e que non se pode aparcar nela, segundo informa Mariña Patrimonio. Este colectivo considera "lamentábel" que os responsables da protección do patrimonio e os encargados de que se cumpra a protección patrimonial das normas municipais "non asuman as súas obrigas e continúen ausentes. Sen o apoio e sen a implicación das Administracións,veremos se abonda co esforzo e coa vontade do propietario da parcela para solucionar este problema".

 

Recentemente Adega e Mariña Patrimonio veñen de denunciar perante o Seprona a utilización do Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia, no concello de Barreiros, na mariña luguesa, como aparcadoiro de autocaravanas...

 

Este castro é un ben patrimonial incluído no catálogo das Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Barreiros e a súa cualificación urbanística é de solo non urbanizable de protección patrimonial. As Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Barreiros outórganlle ao Castro de San Pedro unha proteccion “que consideramos que non é compatible co uso que se lle está a dar actualmente como aparcadoiro de autocaravanas nin como lugar de tránsito destes vehiculos. Esta práctica podería estar provocando danos no xacemento”.