Un castro da Mariña para aparcadoiro de autocaravanas

O Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia, no concello de Barreiros. Adega e Mariña Patrimonio denunciaron este uso perante o Seprona.

Adega e Mariña Patrimonio veñen de denunciar perante o Seprona a utilización do Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia, no concello de Barreiros, na mariña luguesa, como aparcadoiro de autocaravanas...

 

Este castro é un ben patrimonial incluído no catálogo das Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Barreiros e a súa cualificación urbanística é de solo non urbanizable de protección patrimonial. As Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Barreiros outórganlle ao Castro de San Pedro unha proteccion “que consideramos que non é compatible co uso que se lle está a dar actualmente como aparcadoiro de autocaravanas nin como lugar de tránsito destes vehiculos. Esta práctica podería estar provocando danos no xacemento”. 
 

Ambas as dúas entidades piden que se comprobe se o uso que se está a dar  no Castro da Punta de San Pedro é conforme á legalidade  e que, no caso de non selo, “se paralicen as actuacións contrarias a dereito nun ben patrimonial  incluído no catálogo de bens protexidos polo planeamento urbanístico”.