A promotora dun parque eólico en Celanova presenta en inglés a documentación para información pública

Aeroxeradores no PE Vieiro, e á esquera o Monte da Casa da Neve onde se proxecta outro polígono. (Foto: Plataforma veciñal Celanova-O Xurés)

Stop Eólicos Xurés Celanova lembra que a documentación debe estar nunha lingua oficial na Galiza.

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova rexistrou no Concello de Celanova un escrito dirixido á Consellaría de Economía, Empresa e Innovación advertindo do uso dun idioma non oficial na Galiza na documentación que se somete a información pública no proxecto de central eólica Monte da Neve entre Celanova e Verea.

A documentación é resultado do acordo do 1 de decembro de 2021 da Xefatura Territorial de Ourense, sobre as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Monte da Neve e liña de evacuación, situado nos concellos de Celanova e Verea.

A plataforma sinala que o anexo número 14 referido ás características técnicas do modelo de aeroxerador previsto, e que se incorpora como parte do Estudo de Impacto Ambiental, está en lingua inglesa.

A lingua inglesa, indica, non é lingua oficial na Galiza, “polo que se dificulta a participación pública no procedemento de alegacións”, apunta a plataforma e reclama que se corrixa ese erro e se amplíe o prazo de alegacións máis alá do 25 de xaneiro para facilitar o trámite de alegacións que se sostén a participación pública neste tipo de procedementos.

A plataforma tamén recorreu á Mesa pola Normalización Lingüística. A través da 'Liña do galego' formalizouse a denuncia polo uso dunha lingua non oficial nun documento a exposición pública.

A Mesa informou a pasada semana que xa deu curso á queixa diante da Valedora do Pobo, e tamén da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Economía, Empresa e Innovación.