A promoción de curso con suspensos, en mans da Xunta e dos centros de ensino

O real decreto do Goberno español deixa en mans dos territorios a decisión sobre a promoción do alumnado.
A Consellaría de Educación terá na súa man permitir que o alumnado pase de curso sen límite de materias suspensas, segundo se desprende do Real Decreto Lei polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria, aprobado esta semana no Congreso e publicado onte no BOE.

O documento recolle modificacións á hora de estabelecer os criterios de avaliación e promoción en Primaria, Secundaria e Bacharelato, que quedan en mans das Administracións territoriais  e dos centros.

A avaliación, sinala o texto, será global e non polo número de materias suspensas: "A repetición considerarase unha medida de carácter excepcional que se adoptará, en todo caso, de maneira colexiada polo equipo docente en función da evolución académica do estudante, globalmente considerada".

Segundo a actual Lei de Educación, o alumnado terá que repetir curso se obtivese suspenso en tres ou máis materias, ou se as materias con cualificación negativa fosen Lingua Castelá e Literatura e Matemáticas de forma simultánea.

O real decreto recolle ademais a excepcionalidade da contratación de persoal interino sen mestrado, a habilitación para adaptar currículos, avaliación e promoción en diferentes etapas ou condicións para a realización das prácticas en empresas en Formación Profesional (FP) e outras ensinanzas.

A Consellaría de Educación avanzou a semana pasada que para "casos puntuais" na que se precisen docentes sen o mestrado de profesorado, deseñará unha formación pedagóxica. 

Os sindicatos levan semanas reclamando a convocatoria, da Mesa Sectorial de Educación para debater como se desenvolve esta normativa para acomodala á lexislación galega.