A proliferación dos eólicos ameaza de forma "irreversíbel" a Reserva Transfronteiriza Gerês-Xurés

Veigas do Salas.
Stop Eólicos pedirá á Reserva da Biosfera e ao Parque Natural que se pronuncien sobre a liña de alta tensión do Xurés asociada a dúas explotacións eólicas pendentes de tramitación. Ademais, fai súas as alegacións presentadas pola asociación Petón do Lobo contra o proxecto e afirma que achegará as súas propias.

A plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova súmase ás alegacións ecoloxistas contra a liña de alta tensión no Xurés para dar servizo a dous futuros polígonos eólicos, e demandará do Comité Científico da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés mais á Xunta Reitora do Parque Natural do Xurés e o seu Comité Científico que informen sobre a compatibilidade da LAT e da "ameaza eólica" que representan as explotacións asociadas cos valores que protexen a reserva e o parque.

Esta iniciativa súmase aos argumentos presentados hai unha semana pola asociación Petón do Lobo contra o proxecto que busca unir Baltar e subestación de Salas.

Alegacións

Entre outras alegacións, advirtes da necesidade de "someter a consulta pública para a avaliación ambiental conxunta e global a totalidade das infraestruturas deste complexo industrial eólico" co fin de non privar a cidadanía da súa participación pública na avaliación ambiental necesaria.

Doutra banda, censura que non se contemple o soterramento das liña en contra das Directrices da Paisaxe de 2020 e advirte, como tamén sinalou Stop Eólicos Xurés-Celanova, da grave afección, "irreversíbel", á Reserva Transfronteiriza Gerês-Xurés mais de prexuízos noutros espazos protexidos como o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, catalogado en puntos afectados polo proxecto como Zona de Especial Conservación, Zona de Especial Protección da Avifauna e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais; ou a área da Rede Natura implantada en 2004 que inclúe os concellos de Quintela de Leirado, Verea, Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín.

Zonas húmidas e paisaxes arruinadas

O proxecto, din, ameaza a calidade das brañas, da vexetación de ribeira e das augas dos ríos Calvos e Salas, pero tamén das bacías hidrolóxicas de Faramontaos e Porqueirós. Pon en perigo a supervivencia de aves como a aguia real, a perdigueira ou o bufo real.

Mais tamén compromete a paisaxe, zonas de especial interese como os Penedos da Raíña Loba, a Serra da Pena-O Couto Mixto, a Fraga da Rousia e as Penas da Serra do Larouco

A LAT do Xurés e os futuros parques eólicos de Tramontana e Mistral virían sumar muíños e prexuízos aos que xa se observan no horizonte do Larouco, cunha explotación propiedade de Iberdrola, con 49 aeroxeradores, e de Cabeço Alto, en Portugal, con nove muíños.

Petón do Lobo alerta de cambios de uso do monte en contra da normativa e da eliminación da multifuncionalidade destes terreos, aptos para o "aproveitamento forestal, madeireiro e agrogandeiro “contra o benestar dos núcleos de poboación afectados".

Valores culturais, paisaxísticos e ambientais 

Así, Stop Eólico Xurés-Celanova súmase á demanda contida nas alegacións de Petón do Lobo para que o Consello da Cultura Galega "informe sobre da compatibilidade deste proxecto e dos parques eólicos Mistral e Tramontana cos valores culturais, paisaxísticos e ambientais da área de afección do parque eólico", para que a Dirección Xeral de Defensa do Monte informe “sobre a prevalencia do uso forestal sobre o proxecto LAT ata subestación de Salas”, e para que o Comité Científico da Reserva da Biosfera e a Xunta Reitora do Parque Natural do Xurés e o Comité Científico informen sobre a compatibilidade e prevalencia dos usos do proxecto de liña de alta tensión e os parques asociados cos valores propios da área afectada.