Ecoloxistas exixen prohibir os torneos de caza de raposo, convocados "na época de celo das femias"

A contaminación por chumbo é un dos prexuízos. (Foto: Nós Diario)
"En poucos anos foron tiroteados máis de 90.000 mamíferos por simple diversión", lamentan desde Ecoloxistas en Acción, ao tempo que inciden noutras consecuencias prexudiciais como a contaminación por chumbo ou a falta dun censo desta especie.

Novo ano, nova tempada de caza. Para as tres primeiras semanas de 2023 están xa programadas cinco competicións convocadas pola Federación Galega de Caza (FGC) que poñen o foco no raposo. Serán o 7 de xaneiro —campionatos provinciais da Coruña e Ourense—, o día 14 —campionatos de Lugo e Pontevedra— e, finalmente, o 23 —Campionato Galego—. E pendentes aínda de data, a Copa España e a de Lugo.

Diante destes eventos, Ecoloxistas en Acción vén de exixir á dirección xeral de Patrimonio Natural da Xunta que os prohiba, por tratarse dunha especie "de gran valor ecolóxico" que, aliás, "presta múltiples servizos ecosistémicos".

"Sabemos que o raposo é máis necesario no campo que nunca por ser o antídoto para evitar o contaxio e expansión, entre outras, da enfermidade vírica do coello e da enfermidade de Lyme nas persoas", explican, nun comunicado remitido aos medios.

Entre outras cuestións, e en contra da idea "de que os raposos son alimañas que hai que controlar", este cánido "elimina e procesa cadáveres e animais e os seus restos, limpando así o campo ao eliminar carroñas dos nosos montes que poden ser focos de infección para outros animais", inciden desde o colectivo.

É tamén un "animal chave" para a restauración natural dos ecosistemas, "xa que a súa dieta está composta parcialmente de froitos e bagas de plantas, árbores e arbustos que son dixeridos, separando así as súas sementes da pulpa e pel para máis adiante ser excretados lonxe da poboación vexetal orixinal onde as sementes poden xerminar".

Estas competicións coinciden no tempo, sinalan as ecoloxistas, coa época de celo e, polo tanto, de "máxima sensibilidade" das femias, polo que "a partir do 6 de xaneiro moitas femias están xa preñadas". Porén, é tamén o período de máxima concentración destes eventos.

A tempada de caza vai de setembro á segunda semana de febreiro, e é autorizada polo Goberno galego "sen a elaboración previa dun censo de raposos" que permita coñecer a densidade de poboación actual. "A Xunta acepta os datos de capturas e avistamentos proporcionados polos tecores sen estudos independientes con que contrastalos, permitindo unha elevada presión cinexética sobre a especie", alertan.

"Cada ano a Xunta da Galiza autoriza 'campionatos' para masacrar raposos coma se matar fauna silvestre fose un deporte sen consecuencias no equilibrio entre especies. En poucos anos foron tiroteados máis de 90.000 mamíferos por simple diversión", lamenta o colectivo ecoloxista.

Outro dos problemas derivados da actividade cinexética é a elevada concentración de chumbo nos montes procedente da munición, "que vai parar ao solo e as augas, afectando moitas especies, entre elas especies protexidas en situación de vulnerabilidade e mesmo á nosa".