Prohibidas as reunións en Ourense: só poderán estar xuntas persoas que convivan no domicilio

Alameda do Concello, Ourense.
Ademais, aínda que os locais hostaleiros poden abrir, só poderán estar xuntas persoas que vivan baixo o mesmo teito. As novas condicións serán publicadas esta tarde no Diario Oficial da Galiza (DOG) e entrarán en vigor a partir da medianoite. É a primeira vez que se adopta este tipo de medida.
A Consellaría de Sanidade prohibiu as reunións en Ourense, tanto no ámbito privado como no público, para todas as persoas que non convivan no mesmo domicilio. A Xunta explicou, tras reunirse co grupo de persoas expertas que a asesora respecto da evolución da pandemia, que malia as limitacións que pesaban sobre a área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras seguían medrando. Ese ratio con 850 casos moi próximos e 82 ingresos (seis deles na UCI) fixo necesario adoptar unha decisión tan drástica como esta.

Ademais, aínda que os locais hostaleiros poden abrir, só poderán estar xuntas persoas que vivan baixo o mesmo teito. É a primeira vez que se adopta este tipo de medida. O resto dos criterios que xa pesaban sobre distintos barrios e algúns municipios enteiros seguirán a ter validez: tales como a redución da capacidade nos negocios. A maiores haberá que ter en conta que a compañía só poderá ser aquela que resida xunta.

A xustificación para apostar na xuntanza de persoas convivintes como única interacción no concello de Ourense ven dada polo intento de "frear a curva" dos contaxios, que en moitas das ocasións xurden en reunións familiares e sociais.

Como anticipo ás prohibicións, o subcomité clínico apela á "responsabilidade individual" da cidadanía. Tamén recordou que hai un importante "incremento na taxa de hospitalización" na cidade e que hai doentes con maiores riscos pola súa elevada idade.

As medidas entrarían en vigor esta medianoite, pois serán publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG) ao longo desta tarde, e estabelécense excepcións a esta medida, como as relativas ás cuestións laborais. O obxectivo da Xunta en Ourense é " manter o  tecido produtivo, educación e os aspectos que  teñen que ver con que a  xente poida ir a traballar".

"O seguinte paso xa sería moi doloroso para a economía de Ourense e moi restritivas, baseadas no confinamento. Temos semanas moi críticas para diminuír a taxa de contaxio", indicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña ao anunciar as medidas. 

Ademais, incorpóranse restricións de limitación de capacidade e de reunións -xunto con consumo en barras de locais hostaleiros- os concellos de Cambados -un máis dos que xa había na comarca do Salnés- e Ortigueira, o primeiro na comarca de Ferrolterra no que se establecen medidas deste tipo.

Meira

O brote de coronavirus Covid-19 rexistrado no municipio de Meira suma 16 casos positivos e ten orixe familiar, confirmaron a Europa Press fontes da área sanitaria de Lugo. Sobre este foco, as mesmas fontes sanitarias puntualizaron que se fixeron probas "a todos os contactos" e "séguese co rastrexo intenso de todos os contactos para acoutalo a ese ámbito".