Prohiben o baño na praia de Rodeira, en Cangas, pola presenza de bacterias fecais

A praia de Rodeira, en Cangas, nunha imaxe de arquivo (Foto: Turismo da Galiza).

O Concello de Cangas, na comarca do Morrazo, detectou unha presenza maior da recomendada da bacteria 'Escherichia coli' e e prohibiu o baño. A medida continuará até que se reduzan os valores negativos.

A praia de Rodeira, no mesmo centro urbano de Cangas (comarca do Morrazo), fechouse ao baño despois de detectarse unha presenza maior da recomendada da bacteria Escherichia coli.

Segundo o informe da Consellaría de Sanidade, encargada de realizar as análises, a mostra tomada o día 2 de agosto das augas da zona de baño de Rodeira mostraban unha concentración de máis de 2.000 NMP/100 ml desta bacteria.

Considérase que se debe prohibir o baño ou recomendar absterse deste cando se supera o valor de 800 NMP/100 ml de Escherichia coli, unha cifra que superaba a zona do areal cangués.

As sospeitas sobre a presenza de augas fecais en Rodeira comezaron a pasada sexta feira. Ao mediodía realizáronse as primeiras análises da auga e co resultado actuou a Policía Local advertindo ás usuarias e usuarios desta praia da situación.

Fontes do Concello indicaron que se detectou unha fuga nas tubaxes de depuración da rúa Ourense, na vila, que xa comezaron a solucionar.

Precisamente esta praia canguesa recuperara, o pasado mes de xuño, a súa bandeira azul, certificando a calidade do areal e dos servizos que hai nel.