O programa 'Traballo con Apoio' para persoas coa síndrome de Down obtén 74,4% na taxa de inserción laboral

Unha das persoas usuarias de Down Galiza durante a súa xornada laboral. (Foto: Down Galiza)
O 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da Síndrome de Down. Nós Diario repasa os datos do programa 'Traballo con apoio' da Federación de entidades Down da Galiza, que ten como obxectivo a inserción laboral normalizada de persoas usuarias coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Neste programa participan 33,5% das 759 persoas usuarias da federación. O ano 2021 supuxo para a iniciativa unha recuperación do estancamento producido en 2020 co motivo da Covid.

A Federación de entidades Down da Galiza (Down Galiza) traballa pola igualdade de oportunidades e a mellora da  calidade de vida de cada persoa con síndrome de Down e con discapacidade intelectual e das súas familias a través da inclusión e a participación na sociedade e da utilización dos recursos ordinarios que ofrece a propia comunidade. 

Down Galiza conta con 759 persoas usuarias, das que 33,5% participan no programa de inserción laboral 'Emprego con apoio'. O programa de Down Galiza supón unha metodoloxía orientada á inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual no ámbito laboral normalizado, ofrecendo os apoios necesarios dentro e fóra da contorna laboral para conseguir unha óptima adaptación da persoa empregada ao posto de traballo.

Para este programa o ano 2021 supuxo a superación dunha situación de certo estancamento nos datos de inserción, despois de que a crise da pandemia da Covid afectara á taxa de persoas usuarias do programa en 2020 que accederon ao traballo, despois de varios anos con números moi positivos no relativo a contratacións e melloras laborais. 

Así o constatan os datos de 2021, que se publicarán nas vindeiras semanas unha vez sexa redactado o informe que Down Galiza publica cada ano.

Nós Diario puido acceder a parte destes datos, que sinalan que a situación de 2020 foi superada. En 2021, participaron do programa 'Emprego con apoio' 254 persoas, sete máis que en 2020. Das 254, un total de  189 persoas usuarias tiveron un contrato ou unha práctica durante o período, o que supón unha taxa de inserción laboral de 74,4%, máis de cinco puntos por enriba do 69,2% no 2020. Unha lectura deste resultado na que cómpre ter en conta o aumento das persoas que participaron, o que diminúe a taxa.

En números totais, 18 persoas máis que as 171 de 2020 accederon ao mundo laboral a través deste programa de inclusión no traballo das persoas coa síndrome de Down.

Uns datos que chegan, ademais, despois dun ano como 2020 no que debido á situación de crise sanitaria, 75 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, usuarias das entidades Down da Galiza, estiveron durante algún tempo en situación de Expediente de Regulación Temporal do Emprego (ERTE). 

Con respecto ao número de contratos totais que se asinaron en 2021 a través da participación no programa desenvolto por Down Galiza, estes foron 188, e 49 adicionais no caso dos contratos en prácticas. Por outra parte, o número de empresas colaboradoras durante o período foi de 152.

En canto á distribución por áreas xeográficas dos postos de traballo aos que as persoas usuarias accederon a través do programa, neste caso con datos de 2020, foron 64 persoas as que traballaron en 2020 na zona de Vigo, 24 en Ourense, 20 en A Coruña, 18 en Lugo, 17 en Pontevedra, 15 na área de Compostela e 13 na zona de Ferrolterra.

Avances na contratación indefinida e renovación

Unha das cuestións positivas que se poden destacar no ano 2020, foi o número de prórrogas dos contratos e as transformacións dos mesmos en indefinidos, que, aínda tratándose do momento máis complicado da pandemia, chegaron a 14 e a 12 respectivamente. 

A aposta das empresas galegas polos contratos indefinidos de persoas con discapacidade intelectual, que pasaron a supor en 2020 case 50% do total mentres todo indica que no 2021 se manterá a tendencia alcista, corroboran a capacidade que estas persoas teñen para superar o reto da inclusión nas áreas de traballo. 

Non obstante, os principais  problemas para o colectivo de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais seguen a ser a inestabilidade, a temporalidade nas contratacións e a curta duración das súas xornadas de traballo.