O profesorado reclama á Xunta medidas equitativas, na segunda folga do curso

Os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e STEG convocaron concentracións nunha ducia de poboacións galegas para acompañar a folga. (Arxina)
O curso comezou esta cuarta feira 23 de setembro, pasada unha semana sobre o previsto, para o alumnado de primeiro e segundo de ESO, primeiro de Bacharelato e primeiro de FP Media e de FP Superior, ao que seguirá no que queda de semana o resto de cursos destas etapas, con folga do profesorado e novas instrucións da Consellaría de Educación. 

A fórmula docente non será para todo o alumnado igual, senón que dependerá do centro de ensino de cadaquén, pois non todos contan cos mesmos recursos de persoal e espazo, que son os que determinan se as aulas serán presenciais ou incluirán –para Bacharelato e FP– semipresencialidade rotatoria, se haberá desdobres ou se se terá que recorrer a barreiras de separación entre persoas para suplir a falta de espazo interpersoal de 1,5 metros que pautan os principais organismos de saúde pública. 

Esta "arbitrariedade", e a desigualdade das medidas definidas pola Xunta para as diferentes etapas educativas –Infantil e Primaria non teñen limitación de distancia entre o alumnado, ao aplicarse a fórmula das "aulas burbulla"–, é un dos argumentos principais que sustentou a xornada de folga convocada para esta cuarta feira, 23 de setembro, polos sindicatos CIG, CCOO, CSIF e STEG, a segunda desde que os centros de Infantil e Primaria iniciaron as aulas o pasado día 10.

"Houbo unha arbitrariedade inmensa por parte da Inspección Educativa: centros que teñen practicamente todo o que solicitaron e outros  que non contan nin coa metade do profesorado necesario; centros que foron obrigados a recorrer a unha semipresencialidade para a que non hai plan nin preparación, malia que os equipos directivos acreditaron que tiñan espazo para desdobres", exemplificaba, durante a concentración realizada diante da Consellaría de Educación –en Compostela– Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino.

Novos protocolos

Precisamente, coincidindo coa folga do profesorado –apoiada polas federacións de nais e pais Anpas Galegas e Confapa e por organizacións estudantís–, a Xunta publicaba as últimas modificacións ao seu protocolo de adaptación do inicio do cuso ao contexto sanitario.

Nel incorpórase a posibilidade, xa anunciada, de separar as persoas na aula con anteparos, no caso de non se cumprir a distancia de 1,5 metros, e de aplicar semipresencialidade como alternativa aos desdobres, e anunciaba a aprobación na quinta feira, 24 de setembro, dun plan de continxencia para o ensino semipresencial ou non presencial, para o que o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, garantiu "máis ordenadores e máis formación". Na mesma xornada, a Consellaría de Educación facía públicos tamén os protocolos, adiados até esta cuarta feira, de prevención da transmisión da Covid-19 no alumnado con necesidades educativas especiais e de uso dos comedores escolares.

As organizacións convocantes da folga reclamaron, ademais de equidade na dotación de recursos para todo o alumnado e persoal educativo, transparencia nos datos de contaxios e rigor na xestión das corentenas nos centros e denunciaron que a Xunta segue obrigando profesorado vulnerábel a incorporarse á súa praza sen que os servizos de prevención teñan cursado as solicitudes de exención.

Medio cento de aulas de Infantil e Primaria fechadas pola Covid-19

O anuncio de Núñez Feixoo dun plan de continxencia para o ensino semipresencial ou remoto chega na xornada na que os centros de Infantil e Primaria, que comezaron a impartir aulas desde o día 10, suman xa 179 casos positivos –18 máis que na xornada previa– e medio cento de aulas fechadas pola incidencia da pandemia, segundo as cifras trasladadas esta cuarta feira polo Sergas, que desde esta semana inclúe este dato no seu parte diario.

As áreas da Coruña e Compostela son, segundo esta información, as máis afectadas, con 35 positivos e cinco aulas suspendidas en cada caso. Neste panorama están a xurdir iniciativas como a da ANPA do IES Illa de San Simón de Redondela, que está a recomendar ás familias que non leven o alumnado ao instituto, "polo perigo para a saúde" de toda a poboación da vila. 

O risco nas aulas, á Fiscalía de Menores

Os sindicato de enfermaría Satse, xunto con ANPE, veñen de trasladar á Fiscalía de Menores da Galiza a situación de "grave risco" que, segundo denuncian, sofren as crianzas e adolescentes nos centros educativos galegos "como consecuencia de que as Administracións públicas non están a utilizar todos os medios ao seu alcance para mitigar e controlar o risco de contaxios de Covid-19" a través da presenza dunha enfermeira nas aulas.

No seu escrito, as dúas organizacións indican que a situación non soamente é alarmante desde o punto de vista de que se infecte unha menor, "senón polo efecto exponencial que ten ese contaxio", os illamentos que provocará e as probas que fará necesarias. 

Neste contexto, apuntan á figura da enfermeira como a que "mellor pode responsabilizarse da detección precoz de casos e da xestión adecuada", en coordinación co centro, a comunidade educativa e o servizo de saúde pública de referencia.

Como fan notar, o protocolo da Xunta para o inicio de curso fixa a figura de "coordinador Covid", que recar sobre o persoal docente, "cando debería ser un profesional sanitario".

Campaña en Change.org

Outra reclamación para que a Xunta reforce a seguridade sanitaria nos centros de ensino está a recabar apoios a través da plataforma Change.org. Púxoa en marcha a plataforma Profesorado en Pé, e nela pídense, entre outras medidas, a provisión de equipamentos EPI de máxima seguridade e formación adecuada para os membros dos Equipos Covid dos centros, a entrega a todo o alumnado de medidas de protección persoal básicas e de máscaras FFP2, batas e pantallas o profesorado para todo o curso.