Sen profesorado de galego suficiente para correxir os exames da ABAU

Rapazas e rapaces da Mariña acceden aos exames da ABAU en Viveiro
CIG afirma que tivo acceso a mensaxes que ao longo do día de onte, 9 de xullo, se moveron entre profesorado do ensino público, solicitando docentes de lingua galega para corrixir exames de acceso á universidade

A Comisión interuniversitaria de Galiza (Ciuga) non contaba con suficiente profesorado de lingua galega para a corrección dos exames da ABAU. Esta é a conclusión á que chega a CIG a raíz dunha mensaxe “difundida masivamente” entre profesorado de secundaria ao longo do día de onte e que foi denunciada polo sindicato tanto por profesorado como por nais e pais ás que tamén chegou esa mensaxe.

O sindicato di que puido contrastar esta información con vogais designadas pola CIUG para a proba de galego e que informaron que malia que todas as docentes que se apuntaron para corrixir as probas foron aceptadas, ese número era insuficiente.

Para a CIG-Ensino esta situación amosa “un nivel de improvisación que se debería ter evitado e non sabemos se se está a dar noutras especialidades”.

“Teñamos en conta que hai profesorado que desde hai aproximadamente un mes e medio xa sabía que ían realizar esta función e desde o día 10 de xuño xa se sabía canto alumnado tiña superado o Bacharelato e podería concorrer á ABAU, polo que é difícil de entender como se puido agardar até última hora para completar as necesidades que debían estar detectadas e solventadas con antelación”.

O sindicato demanda unha rápida solución ao problema, evitando sobrecargar ás persoas que van corrixir os exames e dando todas as garantías para a corrección das probas en tempo e forma.