O profesorado censura a "caótica xestión" da vacinación con AstraZeneca

Unha profesional sanitaria sostén un vial coa vacina de AstraZeneca (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press)

Piden unha solución para as e os profesores que están á espera da segunda dose

Os sindicatos de profesorado censuran a xestión das autoridades sobre o proceso de vacinación contra o Coronavirus coa solución de AstraZeneca, a que se estaba a inocular a docentes menores de 55 anos, e instan a ofrecer unha alternativa e a aclarar a situación daqueles que se atopan á espera da segunda dose.

O pleno do Consello Interterritorial do Sistema de Saúde acordou suspender a vacinación a menores de 60 anos con este tipo de dose tras o novo informe do Comité para a Avaliación de Riscos en Farmacovixianza Europeo da Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés).

Neste documento, recoñécese unha "posíbel relación" entre este tipo de vacina e os coágulos sanguíneos con niveis baixos de plaquetas, e sinalou a necesidade de incluír estes casos adversos na lista de efectos secundarios "moi raros" da vacina.

A Xunta da Galiza confirmou a suspensión nestas franxas de idae. Así, hoxe, quinta feira 8 de abril, desconvocouse as 1.403 persoas, pertencentes aos colectivos profesionais esencias, que estaban chamadas a vacinarse este 8 de abril con Astrazeneca. 

En declaracións recollidas por Europa PressConfederación Intersindical Galega (CIG) criticou especialmente a falta dun 'plan B' e dunha medida alternativa para "as miles de persoas que aínda non se vacinaron" no sistema educativo galego, perto de 10% do persoal que traballa nos centros.

"A pésima xestión na toma de decisións e no uso partidista das institucións está a crear unha confusión e unha alarma que é responsabilidade única de quen nos goberna, desde San Caetano a Bruxelas pasando por Madrid", reprochan desde a CIG-Ensino.

Por iso, solicitan "transparencia e seguridade", que se ofreza toda ao información sobre esta vacina para "non xogar coa confianza da xente", e que se adopte unha decisión para a subministración da segunda dose "con todos os informes científicos necesarios".

Reunión “urxente”

A nivel estatal, os sindicatos docentes pediron unha reunión urxente co Ministerio de Sanidade e co Ministerio de Educación e FP para que informen de primeira man sobre a suspensión da vacinación ás persoas menores de 60 anos con este tipo de vacina.

"Desde CSIF facémonos eco da incerteza e a preocupación xerada na poboación xeral e de maneira particular nos colectivos de empregados públicos, como no ámbito da Educación, que xa recibiron a primeira dose desta vacina. Exiximos maior claridade sobre os criterios para aplicar unha segunda dose, que ademais coincidía coa cita das oposicións a nivel estatal", solicitou este sindicato, segundo recolle Europa Press.

Neste sentido, lamentan que as autoridades sanitarias "non se coordinasen" cos representantes de saúde laboral dos centros de traballo.

Por iso, o CSIF exixiu "coordinación, transparencia e coherencia" ás diferentes administracións, ante a "xestión contraditoria e precipitada" que están a mostrar.

“Improvisación” e “falta de criterio”

Pola súa banda, desde a Confederación STEs, o responsábel da área de Política Educativa, José Ramón Merino, sinala a Europa Press a "improvisación" e "falta de criterio" das autoridades sanitarias españolas cos cambios de criterio sobre a administración da vacina de AstraZeneca.

"Aínda recoñecendo a celeridade que presidiu a toma de decisións por parte dos responsábeis políticos, en base a tratar de avanzar na vacinación de toda a poboación, sería desexábel que as decisións que se tomen teñan continuidade no tempo", sinalou.

Merino asegura que desde STEs van pedir unha reunión "con carácter urxente" para "tratar de levar algo de tranquilidade ás persoas que traballan nos centros docentes que se atopan actualmente con moitas dúbidas con respecto ao que vai pasar coas vacinas", así como para "exixir garantías".

"Estamos moi preocupados por esta situación e mandámoslle con celeridade e urxencia que se clarifiquen todas as situacións", solicitou, por outra banda, o presidente do sindicato de ensino ANPE, Nicolás Fernández.

Protocolos unificados

Desde ANPE exixen protocolos e criterios unificados a nivel estatal. "Dirixirémonos ao Ministerio para pedir esta coordinación e a unificación de criterios para facilitarllos a todo o profesorado en calquera ámbito no que estean destinados", engade Fernández.

"Se queremos garantir a educación presencial temos que conseguir que todos os docentes estean vacinados antes de que finalice este curso calquera que sexa a idade que teñan para así poder iniciar o curso próximo nas mellores condicións sanitarias; protexer os docentes é protexer a comunidade educativa", concluíu.

Segunda dose

Desde a Unión Xeral de Traballadores (UXT), a responsábel de Educación, Maribel Loranca, tamén criticou nunha conversa recollida por Europa Press o cambio nos criterios con respecto á administración da vacina de AstraZeneca. "Este tipo de decisións, que vaian variando dependendo dos momentos, xera moita incerteza; gustaríanos que se puidesen ir despexando, máis cedo que tarde, as incertezas", reclama.

Neste sentido, Loranca asegura que a UXT espera que o Conslle Interterritorial do Sistema de Saúde, que é quen ten as competencias, resolva "canto antes" a situación, fundamentalmente no que afecta aos traballadores da educación que xa recibiron a primeira dose da vacina de  AstraZeneca. "Cando e como van recibir esa segunda dose?", traslada  Loranca, que aproveitou para insistir en que no plan de vacinación inclúa o persoal das universidades.