O profesorado anuncia folga o 10 e 16 de setembro contra o plan de inicio de curso

Protestas sindicais contra o protocolo no mes de xullo (Arxina)
O calendario escolar galego comezará con dúas xornadas de folga do profesorado, coincidindo coa reincorporación ás aulas do alumnado de Infantil e Primaria, o 10 de setembro, e de ESO, Bacharalato e FP, o 16.

Anunciárono onte os sindicatos CIG, CCOO, STEG e CSIF, como parte das mobilizacións que docentes xa iniciaron no mes de xullo, tras coñecer o protocolo da Xunta para a volta ás aulas, cuxa continuidade se detallará o vindeiro día 31.

FeSP-UXT, que si secundara as primeiras protestas, anunciou onte que non se sumará aos paros, por entender que "desvían a atención do importante, que é a resposta urxente da Xunta para garantir a seguridade na volta ás aulas", mentres que a CUT fixo un chamado á "paralización completa" do ensino galego. 

A "unilateralidade" das pautas para a volta ás aulas, que a Consellaría de Educación deseñou sen consultar co persoal docente nin coas familias, e a política de "custo cero" que subxace ás medidas adoptadas, sen incremento de persoal docente, sanitario ou de limpeza para as novas necesidades dos centros derivadas da situación sanitaria, foron, naquela altura, os principais motivos de rexeitamento.

Hoxe, as organizacións que representan a maior parte do profesorado censuran ademais que a Xunta non se mova da súa posición malia a evolución da epidemia: nas últimas cinco semanas, o número de casos activos de coronavirus na Galiza pasou de 180 a 3.139 e producíronse 16 novos falecementos.

Acordo interterritorial

O anuncio das próximas mobilizacións chega un día despois de que as Autoridades educativas e sanitarias dos distintos territorios alcanzasen co Goberno español un acordo de mínimos sobre as actuacións para o reinicio do curso, que clarifican aspectos como o uso da máscara na aula, pero deixan fóra dúas das cuestións que o profesorado e as familias consideraban cruciais, como son a determinación de ratios de alumnado por aula e a contratación de persoal docente e non docente.

"Parécenos unha pésima noticia, porque constata que o Ministerio se prega aos intereses daquelas comunidades autónomas máis refractarias a tomar estas medidas", censurou onte Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, o sindicato con maior representación no profesorado galego, quen apunta ao distanciamento físico que marca o acordo interterritorial para os centros escolares, dun mínimo de 1,5 metros entre persoas, como o maior punto de fricción co plan da Xunta.

Nel, a Consellaría reducía a un metro a distancia mínima dentro da aula, a contar entre o centro das mesas. "Trátase dunha cuestión fundamental, porque este distanciamento –o que marca o ministerio– si suporía unha ampliación de aulas importante e unha mellora das condicións de protección en moitos centros, con necesaria redución de ratios", razoa Bermello, quen aventura de que a Xunta eludirá esta decisión, amparándose na ambigüidade da redacción da medida en cuestión, que pauta esa distancia "para as interaccións entre persoas no centro".

Con todo, o documento avalado a pasada quinta feira polos Gobernos territoriais explicita, na súa introdución, que a prevención da transmisión do virus "require manter unha distancia interpersoal de seguridade de polo menos 1,5 metros" e advirte que o uso da máscara –para a que se fixou a obrigatoriedade dentro dos centros a partir dos seis anos, tal e como propuxera a Xunta en días anteriores– "non substitúe a distancia interpersoal de 1,5 metros" e é, en calquera caso "unha medida complementaria de prevención". 

"Se tivese intención de rectificar xa o tería anunciado", reflexiona o portavoz sindical. A conselleira de Educación, Carmen Pomar, avanzou onte que o protocolo galego definitivo, adaptado ás novas especificacións, estará listo a inicios da vindeira semana, se ben obviou referirse ao distanciamento. Tampouco nas declaracións do día previo do responsábel de Sanidade e da propia Pomar houbo alusións a esta cuestión. 

A mobilización do profesorado non será, en calquera caso, illada. Tras coñecer o acordo interterritorial, o sindicato de estudantes mantén a súa convocatoria de folga a nivel estatal para os días 16, 17 e 18 de setembro.