O profesor expedientado pola USC di que a apoloxía da homofobia é ''a primeira fase do meu deber'' docente

[Imaxe da facultade: USC]

Para aprobar a materia que imparte Domingo Neira é obrigatorio superar o exame dun libro escrito por el propio en que sitúa ao mesmo nível "travestismo" e violacións de mulleres e en que relaciona corrupción de menores e "vodas gai" ou zoofilia e homosexualidade.


"Procuro espertar, motivar e incentivar os meus alumnos para seguir; é a primeira fase dunha lección, do meu deber, que sexan capaces de pensar por si propios".

Quen isto di, o profesor universitario Domingo Neira, foi expedientado pola USC após a denuncia interposta polo seu propio alumnado por facer apoloxía da homofobia nas aulas con afirmacións "cuasicientíficas" como que "os homosexuais carecen de hombría e non poden educar" ou que "as lesbianas teñen un cromosoma XXX que explica o seu comportamento non normal".

Segundo contan estudantes da materia que imparte, 'Didáctica e profesión docente', para que conceda o aprobado é necesario que superen un exame a respeito dun libro escrito por el propio e entitulado Didáctica para el crecimiento sociopersonal. Nel sitúa ao mesmo nível o "travestismo" e as violacións a mulleres para as explicar como "desviacións condutuais" e relaciona o matrimonio entre persoas do mesmo sexo coa corrupción de menores ou a zoofilia coa homosexualidade. 

BNG e PSdG exixen explicacións á consellaría e á USC

Por estes comentarios, realizados na aula dunha universidade pública, terá que responder a Xunta no Parlamento galego. O deputado nacionalista Cosme Pombo rexistrou unha pregunta para resposta oral no pleno da Cámara para saber se a consellaría de Educación tiña coñecemento desta situación e que medidas vai tomar ao respeito. 

En liñas semellantes actuou tamén o PSdG. O grupo LGTB '7 Cores', vinculado a esta formación política, remitiu unha carta ao reitor, Juan Casares Long, en que exixen a suspensión de docencia de Neira "polo seu comportamento homófobo, misóxino e racista namentres imparte aulas".

O alumnado di que o acontecido non é un caso illado, senón que as mulleres, @s homosexuais, @s inmigrantes e @s cigan@s están no albo dos embates despectivos deste profesor. A USC abriu contra el un expediente sancionador. Con todo, Neira reafírmase nos seus comentarios e, entre risas, acrecenta que non ten "ningún problema" cos homes homosexuais "namentres non me toquen o cú".