Un profesor da USC cualifica como ''explicación científica'' dicir que ''a enfermidade dos maricóns é conxénita''

Facultade de Maxisterio [USC]

O alumnado de primeiro curso do grao en Maxisterio transladan ao reitor unha queixa denunciando os comentarios homófobos de Domingo Neira, titular da materia 'Didáctica e profesión docente'. 


Até 72 sinaturas, as de practicamente toda a aula de primeiro curso do grao en Maxisterio na USC, chegaron esta terza feira ao despacho do decano. Denuncian os comentarios homófobos realizados polo profesor Domingo Neira, titular da materia 'Didáctica e profesión docente', en que chegou a afirmar que "a homosexualidade é contaxiosa", que "os homosexuais carecen de hombría e non poden educar" ou que "as lesbianas teñen un cromosoma XXX que explica o seu comportamento non normal".

Lonxe de se retractar ou mesmo de desmentir tales comentarios, Neira reafírmase neles perante a imprensa. Segundo publican esta cuarta feira varios medios de comunicación que conseguiron falar con el, defende a súa exposición como "unha explicación racional e cuasicientífica", defínese a sí propio como "un pensador" e un "home-home" e non ten reparos en repetir todo o que dixo ese día na aula.

"Tamén lles dixen que á muller-muller normal, a que gosta dos homes-homes, polo xeral non gosta das mulleres. O cal non quere dicir que non se poida dar un exceso, un vicio. Pero igual que o home-home, coma min, non se preocupan en absoluto destas outras desviacións, dos maricóns nin dos pederastas, enténdesme?", sinala o profesor universitario.

Explicacións homófobas, misóxinas e racistas

Malia que non cumpriría subliñalo, pois o propio docente recoñece ter feito estes comentarios na aula no marco "dunha exposición de carácter totalmente científico" en que defendeu que "tanto o dos maricóns como o dos pederastas é unha enfermidade conxénita", o alumnado actual e outr@s estudantes que pasaron pola facultade de Maxisterio enfatizan que este comportamento non é illado e que os comentarios sexistas, machistas, homófobos e xenófobos dirixidos a mulleres, homosexuais, inmigrantes e cigan@s son o pan de cada día.

El deféndese. Di que o estudantado pode levarlle a contraria e que as súas exposicións están baseadas "na razón e na argumentación". Quere saber "que información ten para abrir a boca" calquera que non pense coma el e atribúe á "falta de razoamento" as denuncias na súa contra.