Persoal do Chuac denuncia a "opacidade" da Xerencia ao respecto

Profesionais de primeira liña seguen sen recibir a vacina

Sanidade comezou onte a vacinación do persoal do Servizo de Axuda ao Fogar (Foto: Arxina).
Persoal sanitario e sociosanitario que traballa cunha alta exposición á Covid asegura a Nós Diario non ter recibido aínda as dúas doses da vacina.

A Xunta da Galiza presumiu de ter rematado a administración das dúas doses da vacina a todo o persoal, usuarios e traballadores, dos centros residenciais, así como a todas as e os sanitarios considerados de "primeira liña", isto é, aqueles que teñen contacto directo con pacientes Covid. Deste modo, a quinta feira comezou a vacinación das profesionais menores de 55 anos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), en paralelo ao persoal sanitario que non traballa nas unidades destinadas ao coronavirus.

Esta mesma semana o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, chegaba a asegurar que, "se houbese doses", toda a poboación estaría inmunizada en seis semanas. Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, apuntaba tamén que o plan de vacinación non pode "avanzar máis rápido" debido á escaseza.

Porén, segundo puido saber Nós Diario, non todo o persoal de "primeira liña" tería recibido xa as dúas doses. "Esta terza feira tivemos que operar nun quirófano Covid e só estaba vacinado o anestesista", relata a enfermeira do Hospital Abente e Lago (A Coruña) Carmen María Sánchez.

Falta de información

Esta sanitaria traballa "cóbado con cóbado" con doentes da Covid e, malia que xa ten denunciado nas últimas semanas a "opacidade" da Xerencia, aínda non se lle comunicou cando recibirá a primeira dose da vacina. "Non sei que consideran eles sanitarios de primeira liña para dicir que están todos vacinados, porque non é certo. Non sabemos cantas vacinas se administraron nin a que grupos profesionais, o que si sabemos pola prensa é que se vacinou a conselleira delegada de DomusVi e a alcaldesa de quenda", expón.

En resposta ás preguntas deste xornal, desde o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) xustifican a situación alegando a apertura de novas unidades Covid nas últimas semanas "que provocaron que persoal que non era de primeira liña agora si o sexa". Con todo, Sánchez asegura que atendeu "desde sempre" doentes con coronavirus: "O quirófano é unha unidade de primeira liña porque, aínda que din que os pacientes veñen cribados con PCR, a taxa de falsos negativos fai que sexamos vulnerábeis", argumenta, e engade que, cando lle toca facer garda, "o paciente que vén urxente non está cribado".

Carmen Sánchez exixe "transparencia" no plan de vacinación. Esta quinta feira, asegura, comezouse a administrar a primeira dose ao persoal de primeira liña restante, comezando a listaxe polos apelidos "do 'y' ao 'f'". "Eu son o 's' e aínda non sei nada. Se dixesen claramente cantas vacinas hai, a quen se administran e cando, non habería ningún problema", lamenta.

"Hai unha falta de planificación e de comunicación total, e, se desafortunadamente pasa algo, será unha cuestión penal", sentencia, preocupada porque o seu marido e a súa filla son persoas de risco.

No Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo tampouco se tería completado aínda a vacinación. "A cuarta feira comezou a inocularse a primeira dose ao persoal de Reanimación, que traballa con pacientes Covid intubados cun enorme risco de contaxio", expón a este diario a enfermeira Cristina Ferreiro, que esta quinta feira recibiu a primeira dose.

A planta na que traballa, a de Cirurxía Torácica, non está considerada como de "primeira liña", mais denuncia que a diario realiza probas PCR a doentes trasladados ás súas dependencias desde Urxencias por seren sospeitosos de padecer a Covid.

Por outra banda, as fontes de Sanidade consultadas non detallaron que grupos profesionais recibiron a vacina até o de agora como "persoal de primeira liña" máis aló de que "está explicado no acordo estatal de vacinación", e remitiron ás "explicacións do conselleiro no Parlamento" a cuarta feira e "á Xerencia do CHUAC", malia que desde este complexo sanitario insistiron en que "as listaxes de vacinación foron enviadas pola Consellaría".

A vacinación tampouco rematou nas residencias

Unha persoa traballadora da residencia Crapd I do Meixoeiro (Vigo), que prefire ficar no anonimato, asegura a Nós Diario que aínda non se inoculou a vacina a todo o cadro de persoal: "A principios de xaneiro apuntámonos nas listaxes de vacinación, mais aínda non me dixeron nada", explica.

Ten constancia de que xa foi vacinado parte do persoal de recepción e de administración, mentres segue sen saber cando recibirá a primeira dose nin que vacina será. No centro vigués non hai, a día de hoxe, ningún caso activo da Covid, mais o perigo está sempre presente: "O domingo pasado houbo un cribado na cuarta planta porque o marido dunha auxiliar deu positivo", relata.

A Consellaría de Política Social asegura a este xornal que foi vacinado 100% dos centros residenciais "agás casos concretos" por mor dun gromo ou da ausencia por enfermidade dalgunha das persoas chamadas a se vacinar.

Traballadoras sociais, espidas fronte ao virus

Por outra banda, as traballadoras sociais demandaron a quinta feira á Xunta a súa "urxente" vacinación. "A atención directa non cesou e temos que continuar coas visitas domiciliarias, co risco que supón", explica a Nós Diario Míriam Rodríguez, presidenta do Colexio de Traballadoras Sociais da Galiza.