Profesionais explican que o Bono Coidado "non é unha axuda nova, senón unha adaptación da normativa estatal á galega"

Unha traballadora social axudando a unha persoa dependente (Foto: UB).
O Colexio de Traballo Social pide explicacións á Xunta.

O Colexio de Traballo Social remitiu á Xunta da Galiza un escrito no que solicitan que "rectifique" e "aclare" os termos de solicitude do Bono Coidado no Fogar, argüíndo que "non é unha axuda nova", senón "unha actualización das libranzas" que está "a saturar" os servizos sociais de peticións e consultas.

Segundo trasladou Cristina Díaz, membro do órgano de Goberno deste colexio profesional, cando o persoal coñeceu o anuncio da Xunta deste bono pensaron que "era algo novo", adicional ás prestacións existentes. "Mais lendo a letra pequena, descubrimos que só é unha adaptación da normativa estatal á galega", afirmou Díaz.

A modificación estatal da normativa reguladora da Lei de Dependencia, apuntou a mesma profesional, incrementou o prezo de hora de libranza para cada grao de dependencia, elevando a contía máxima para grandes dependentes até os 5.000 euros anuais, o importe deste bono.

Con todo, apuntou o colexio, o anuncio por parte da Xunta do Bono Coidado no Fogar xerou "unha avalancha" de consultas de persoas usuarias que crían que se trataba "dunha axuda adicional" ás libranzas que xa tiñan concedidas, xerando "saturación" nos Servizos Sociais

"Ao recibir a carta do presidente [en referencia a Alfonso Rueda], acudiron en avalancha a solicitar esta suposta nova axuda", apuntou Díaz. A isto contribuíu, explicou, cuestións como que teña "un nome propio", sen facer referencia á libranza de coidados, polo que pediron á Xunta que "explique claramente á xente en que consiste" e que, para obtela, "deben renunciar a outros servizos" adicionais que desde o organismo profesional defenden como "máis idóneos".

Pola súa parte, a Consellaría de Política Social asegurou que "non é certo" que o Bono Coidado sexa "un incremento obrigado pola Lei de Dependencia", dado que, segundo afirmaron desde esta Administración, os 5.000 euros serán universais con independencia do nivel de dependencia da persoa receptora, e non só no caso das que sexan grandes dependentes.