Profesionais de enfermaría advirten: faltan "entre 2.000 e 3.000" efectivos para paliar o déficit no Sergas

Persoal de enfermaría nunha instalación sanitaria gala. (Foto: Lub Nobout / Zuma Press)
O sindicato Satse pide elevar a ratio a oito enfermeiros ou enfermeiras por cada 1.000 habitantes, fronte aos cinco que hai na actualidade.

O sindicato de enfermaría Satse vén de asegurar que a Galiza necesita "entre 2.000 e 3.000" enfermeiros e enfermeiras máis para cubrir o déficit de profesionais nesta categoría que existe no Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Así o manifestou o delegado de Satse en Lugo, Manuel Veiga, quen alertou en declaracións aos medios de que a falta de profesionais de enfermaría no país "é cada vez máis perentoria".

"Non sabemos o motivo, hai moitísimas xubilacións e non se fai unha substitución suficiente, e iso vai en detrimento da seguridade do paciente", advertiu.

O sindicalista mantén que "si que é verdade que houbo moitos enfermeiros e enfermeiras que marcharon fóra da Galiza e que están a retornar pero, aínda así, segue existindo un gran déficit".

"Unha das reivindicacións de Satse, que é a Lei de seguridade do paciente, implica un importante aumento do número de enfermeiros e enfermeiras e da ratio. Así si poderiamos prestar os servizos dunha forma adecuada ao cento por cento", manifestou.

Na Galiza, continuou, esa ratio fica en "cinco profesionais por cada mil habitantes", unha porcentaxe que se debería elevar, ao seu xuízo, "a oito enfermeiros ou enfermeiras por cada mil habitantes".