Profesionais da veterinaria rebaixan a posibilidade de contaxio da gripe aviaria

A Galiza aumenta a vixilancia fronte á gripe aviaria (Foto: Europa Press).
A cepa que chegou á peninsula non é tan contaxiosa. Aconsellan unhas mínimas normas de hixiene e cociñar os alimentos.

A confirmación o pasado 4 de xaneiro de que varias aves atopadas mortas en Lleida a finais de decembro tiñan o virus da Influencia Aviaria de Alta Patoxenidade, máis coñecido como gripe aviaria, devolveu outro ano máis á realidade a pantasma dunha crise alimentaria que xa é estacional. 

A detección de dous focos máis en Portugal, situados en Lisboa e Coimbra, fixo que a Consellaría de Medio Rural notificara esta semana unha serie de medidas para impedir que houbese contacto entre as aves de curral, ou das que se crían en explotacións avícolas, coas especies migratorias que pasan polo país nestas datas e até o vindeiro mes de abril. 

Detectar os casos desde un principio

O presidente do Consello  Galego e do Colexio de Veterinarios de Pontevedra, Luís Núñez, explica que a aparición de aves mortas "é unha das maneiras máis efectivas de saber da presenza da enfermidade" no territorio. Por este motivo, apunta a Nós Diario, "sempre facemos un chamamento de que se comuniquen as aves sen vida que se encontren para facerlles as análises propias do caso".

Outra das fórmulas que se empregan parte dos avisos que cheguen desde as grandes explotacións avícolas. "Algúns indicios serían se se comproba durante dous días seguidos que hai unha caída do consumo de penso e auga superior ao 20%,  unha redución na posta de ovos superior ao 5%” ou unha mortalidade superior ao 3% durante unha semana, sen causa xustificada", sinala este veterinario. 

Baixo risco de contaxio para as persoas

Os casos confirmados até agora polo laboratorio estatal de referencia para a influenza aviaria no Estado español, o LCV de Algete, após a realización dunha PCR, son do subtipo H5 do virus. "Esta cepa non ten especial importancia en relación ao seu paso das aves ás persoas", asegura o presidente do Colexio de Veterinarios. A única vía de contaxio confirmada é de ave a humano e non existen exemplos de casos de humano a humano.

"O contaxio ten lugar por vía respiratoria e é necesario un contacto directo, reiterado e moi próximo coas aves ou cos seus excrementos", asegura Núñez, "e polo momento non hai evidencias epidemiolóxicas de que o virus da gripe aviaria se contaxie pola vía alimentaria". Nos casos detectados en humanos, as principais características clínicas da gripe aviaria son febre de máis de 38 graos, dificultade respiratoria, tose e malestar xeral, similar a unha gripe común.

En todo caso, como medida de prevención adicional, a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria lembrou unha serie de recomendacións para evitar intoxicacións por calquera tipo de axente infeccioso, como seguir unhas mínimas normas de hixiene e cociñar ben os alimentos, "porque unha elevada temperatura, por riba dos 70 graos, inactiva os micro-organismos", afirma Núñez. Por esta razón os casos detectados no mundo, sobre todo en Asia, "foron en persoas expostas dunha forma directa e continuada a aves, ben en granxas ou en mercados de animais vivos", conclúe.

Consellos básicos e "de sentido común" para todas as zonas

Para o control da aparición desta enfermidade en animais de granxa desde 2006, cando apareceron os primeiros casos, o Ministerio de Agricultura estabeleceu as denominadas Zonas de especial risco (ZER), que na Galiza corresponderían aos municipios perto da área da Lanzada (O Grove), e Zonas de especial vixilancia (ZEV), moito máis ampla.

Ambas contan agora coa mesma s medidas que, para Luís Núñez, “son de sentido común", como evitar que galiñas e polos poidan ter contacto coas aves silvestres. Por este motivo prohibiuse a cría de parrulos e gansos con outras aves de curral ademais de que estas non estean ao aire libre, coa excepción daquelas que conten cun sistema que impida o acceso desde o exterior das aves migratorias. Os depósitos de auga no exterior deberán estar protexidos.