A Xunta prohibe a cría ao aire libre e confina as aves de curral en 34 localidades para evitar a gripe aviaria

O incremento da vixilancia fronte a influenza aviaria concide coa detección de varios focos en Europa e no resto do Estado, mais non na Galiza. 
A Galiza aumenta a vixilancia fronte á gripe aviaria (Foto: Europa Press).
photo_camera A Galiza aumenta a vixilancia fronte á gripe aviaria (Foto: Europa Press).

A Consellaría de Medio Rural prohibiu a cría ao aire libre de aves de curral en 34 localidades despois da detención de varios focos de gripe aviaria en diversos países da Unión Europa e incrementarse a situación de alerta no estado español.

As medidas afectan ás zonas de especial risco (ZER), constituñidas polos concellos da Illa de Arousa, Cambados, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Ribadumia e Vilanova de Arousa mais ás de especial vixilancia (ZEV): Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Ribeira, Vimianzo, Zas, Ribadeo, Trabada, A Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, Xinzo de Limia, A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

Medidas de confinamento

Nestas localidades, todos os propietarios de aves deben recluílas en instalacións fechadas, a cuberto. Se isto non fose posíbel por non dispor deste tipo de instalacións, poderíase manter as aves no exterior sempre que existan teas pasaxeiras ou calquera outro dispositivo que impida o acceso de aves silvestres. Ademais, evitarase o contacto de aves silvestres coa auga e os alimentos que se destinen ás domésticas.

Queda prohibido o uso de reclamos de caza con aves do tipo anátidas (patos ou similares) e charadriiformes (gaivotas e similares) e prohíbese a cría de patos, ocas e gansos xunto con outras aves de curral.

Ademais, non se permite dar ás aves domésticas auga procedente de depósitos superficiais, fontes ou outros aos que puidesen acceder aves silvestres, a non ser que a auga sufrise un tratamento de hixienización.

Tamén quedan prohibidas as concentracións de aves de calquera tipo e é obrigatoria a inscrición dos currais familiares no Rexistro Galego de Explotacións Avícolas da Consellaría do Medio Rural.

Risco elevado

A Consellaría do Medio Rural explica que, despois da detención de focos de influenza aviaria de alta patoxeneidade (IAAP) tanto en aves silvestres como en aves domésticas en distintos países do Europa, o pasado 12 de decembro o Ministerio de Agricultura elevou o nivel de risco de aparición desta enfermidade nas zonas de especial risco e nas de especial vixilancia. Por iso, sinala que a Galiza implementou "as medidas oportunas", que comunicou aos municipios afectados e aos axentes participantes na vixilancia da enfermidade.

Con todo, lembra que desde esa data continuou a detección de focos desta enfermidade, incrementándose a alerta en España. Isto supuxo un cambio na valoración do risco, polo que se estabeleceu un nivel moi alto nas zonas ZER e alto nas ZEV ao tempo que o Ministerio decidiu estender as mesmas medidas preventivas xa vixentes nas zonas especial risco ás de especial vixilancia.

Sen evidencias de transmisións ás persoas

A Xunta explicou que, até o momento, non hai evidencias de que o serotipo H5N1, circulante nos últimos meses en Europa e España, teña capacidade de transmitirse ás persoas. Con todo, precisa que, como en calquera outra patoloxía animal, debe minimizarse o contacto innecesario cos que aparezan feridos ou mortos.

Ademais, a Consellaría do Medio Rural detalla, que cumpre os protocolos estatais, executa o programa de vixilancia activa de explotacións avícolas asignado á Galiza, de forma que somete a control sanitario oficial diversas granxas previamente seleccionadas en función dos niveis de risco.

Comentarios