Profesionais da saúde, o dique contra o que bateu a Covid-19

Profesional do Sergas (Imaxe: Xunta da Galiza).
Un estudo do Instituto de Saúde Carlos III conclúe que na Galiza o persoal sanitario contaxiado da Covid-19 foi o principal factor na expansión da patoloxía. Segundo os últimos datos, máis de 2.300 profesionais do Sergas contraeron o virus. Traballadoras e traballadores apuntan á falta de formación e á escaseza de materiais de protección entre outras causas. 

O informe Factores de difusión Covid-19 en España, financiado polo Instituto de Saúde Carlos III, sinala que "o persoal sanitario infectado foi o factor que tivo un maior efecto" na expansión da patoloxía na Galiza. "Se os traballadores fomos un factor de transmisión do coronavirus, teremos que preguntarnos por que", traslada a enfermeira eventual Nuria González a Nós Diario.

Non é este o único factor que analiza a investigación, que tamén estuda os riscos que supón a mobilidade interna, a externa desde os territorios de Madrid e do País Vasco (por seren dos que rexistraron unha maior incidencia da doenza) e as prazas por residencia de persoas de 70 ou máis anos de idade. Mais é a porcentaxe do persoal sanitario contaxiado na Galiza o destacado. O resto "tiveron unha intensidade menor no ritmo de difusión da epidemia".

A principios do mes de abril, tres semanas despois de seren detectados os primeiros contaxios por Covid-19 na Galiza, o número de traballadoras e traballadores sanitarios contaxiados ascendía a preto de 630, 10% do total de doentes no país. En xullo, os últimos datos que trasladan os sindicatos a este medio, son 2.320 os casos acumulados en todas as categorías laborais.

Enfermaría é unha das especialidades na que se rexistraron máis contaxios no Servizo Galego de Saúde, con arredor de 800 profesionais que deron positivo nas probas, fronte a 488 facultativos e facultativas. A maioría das persoas contaxiadas xa foron dadas de alta e reincorporadas. "É lóxico que as enfermeiras sexan o grupo con máis contaxios, porque case todas as nosas tarefas implican un contacto directo co paciente e manter a distancia é complexo", subliña o voceiro da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agefec), Álvaro Carrera.

Sempre reclamamos e denunciamos a falta de medidas e de medios de protección no servizo de saúde, di Carmen García

"Pode ser que nós fósemos vector, mais nunca de maneira consciente. Sempre reclamamos e denunciamos a falta de medidas e de medios de protección no servizo de saúde", valora a voceira do sindicato de enfermaría Satse, Carmen García, en conversa con Nós Diario

As traballadoras salientan que os datos non se explican tan só pola propia natureza da súa profesión. E sinalan a falta de equipos de protección, as mudanzas nos protocolos de seguridade e aos cambios nos mesmos, a falta de formación e mais a precariedade laboral, que afecta en maior medida ao persoal eventual. 

Inicio da pandemia

"Ao comezo todo foi caótico, atopámonos con que os protocolos mudaban de un día para outro chegando mesmo a contradicións entre as instrucións das xerencias, de Medicina Preventiva, de riscos laborais ou dos servizos centrais", explica Carmen García.

Nuria González comezou o seu contrato por acumulación de tarefas atendendo a persoas susceptíbeis de teren contraído a doenza. "Recibimos a formación para empregar os Equipos de Protección Individual media hora antes de entrar",  explica esta enfermeira eventual.

Na Galiza, 57% das persoas que responderon a unha enquisa elaborada polo Consello Xeral de Enfermaría aseguraron que apenas recibiran formación específica para tratar a persoas contaxiadas con coronavirus, mentres que 23% afirmaba non teren recibido ningunha.

Á falta de información sumouse a carencia de medios. A voceira de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lembra en declaracións a este diario que nos comezos da pandemia houbo centros cuxas xerencias limitaron o emprego de máscaras. Foi o caso do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, o CHUO, no que traballa a día de hoxe a Nuria González.  "Colocaron un cartel no que prohibían o seu uso nas áreas sen contacto con pacientes", engade.

Naquelas primeiras semanas, o limitado subministro e equipos de protección destinábanse prioritariamente ás plantas con pacientes con coronavirus. "Sufrimos a consecuencia da deslocalización da industria, tendo que importar material", expón Abuín, lembrando as partidas defectuosas que deberon ser desbotadas.

En abril, a Administración galega tivo que inmobilizar 12.000 máscaras de protección que non cumprían coas especificacións requiridas para seren utilizadas contra o coronavirus. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, indicou o día 21 que se realizaran 3.055 tests de detección do coronavirus entre o persoal, que revelaron contaxios.

Foi a única proba á que se someteu Nuria González durante o seu paso por plantas con pacientes con Covid-19. "Agora traballo con neonatos e ninguén se preocupou de comprobar que non contraín a enfermidade", di.  

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir do sábado, día 25, nos quiosques ou na nube]