"Sexualización" e "ausencia de persoal titulado": profesionais da Educación Física critican a TVG polo enfoque do programa 'Pulso Activo'
O Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia (Colef Galicia) fixo pública esta sexta feira a súa "fondísima preocupación" pola elección dunha persoa sen titulación nin colexiación profesional para conducir o programa de adestramento Pulso Activo, emitido pola TVG.
Segundo explican desde o Colexio, a persoa seleccionada pola TVG "non posúe a titulación universitaria en Ciencias da Actividade Física e do Deporte" polo que "tampouco está colexiada" e, en consecuencia, "non pode exercer legalmente" funcións de adestramento personalizado en contornas profesionais. Un requisito imprescindíbel, insisten, para garantir "a seguridade das intervencións, a adecuación profesional e o cumprimento das competencias regulamentadas no ámbito do exercicio físico orientado á saúde".
O Colef lembra que, logo deste divulgar a convocatoria para o posto, presentaranse candidaturas de profesionais colexiados e plenamente capacitados, con formación específica para asumir con solvencia este tipo de funcións nun medio público. Por iso, a entidade amosa desconcerto e malestar ante a decisión da TVG de contratar para o posto unha persoa sen a formación axeitada: "Non está cualificada para intervir profesional mente en actividades de adestramento personalizado".
Exposición "sexualizada"
Alén da falta de cualificación profesional, o Colexio expresa a súa inquietude pola orientación que, segundo din, se observou en varios episodios xa emitidos. Sinalan a existencia dunha "exposición sexualizada" da persoa que conduce o espazo, así como unha comunicación baseada en "estereotipos físicos e estéticos" afastados dos principios de "promoción da saúde, da responsabilidade profesional e da mensaxe baseada na evidencia científica". Este enfoque, afirman, vai contra os criterios básicos da educación en hábitos saudábeis.
Apelación á responsabilidade da TVG
O Colef considera necesario facer públicas estas observacións "co ánimo construtivo" e coa intención de "favorecer a calidade, a seguridade e o rigor profesional" dun formato que debería estar claramente aliñado coa saúde pública e co exercicio físico cualificado.
A entidade conclúe reafirmando o seu compromiso coa defensa da profesión e coa protección da cidadanía, "especialmente no que atinxe á práctica segura e responsable do exercicio físico".

