Profesionais alertan do perigo de desatención de persoas dependentes

[Imaxe Bruno Unna / Flickr]

Os recortes están a provocar situacións de desatención nas persoas dependentes. O Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza é tallante á hora de rexeitar “de pleno” os recortes sobre a dependencia.

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza denuncia que os recortes en materia de dependencia están a provocar “situacións de desatención nas persoas dependentes”. Os novos recortes, comunicados por carta da propia Conselleira de Benestar, están a provocar, segundo o colectivo de profesionais do Traballo Social, que as familias e persoas dependentes podan prever as novas situacións “xa que o método de cálculo é pouco claro, ademais de tremendamente inxusto, sendo unha lexislación que o único que fai é blindar por lei unha política de recortes á cal nos opoñemos”. 

Segundo Marta Capeáns, presidenta do Colexio, a redución da libranza, unhas pensións de 600 euros e o custe mínimo de 1.700 euros ao mes nunha residencia fan imposíbel que as familias asuman a situación e  conduce a defender a necesidade “dun sistema público de atención á dependencia”. 

O COTSG insta ao Goberno do Estado e á Xunta de Galicia a parar con esta política de recortes”.Esixen á Xunta a “dar a cara” perante esta grave situación xa que, segundo din, aínda que moitas das competencias dependan do goberno central, a Xunta conta con capacidade  “para facer aumentar o gasto público por dependente atendido en Galicia, ao igual que para investir cartos para erradicar a pobreza”. Avogan, deste xeito, para que a dependencia sexa incluída no modelo de financiamento autonómico , ao igual que ensino e sanidade, como única maneira de salvar un sistema que, ao seu ver, se atopa “colapsado”.