O profesado interino non estará obrigado a opositar para ficar nas listas

Exame de oposición para a acceder a unha praza de profesorado (Foto: Europa Press).
A Mesa sectorial aprobou esta quinta feira a posibilidade de que o persoal interino non teña a obriga de presentarse ao vindeiro concurso-oposición. A CIG-Ensino denuncia que non se introduciron melloras ao acordo que levan "catro anos propoñendo". A Consellaría de Educación tamén modificou na xuntanza o calendario escolar. 

O profesorado interino que figure nas listas de contratación da Consellaría de Educación continuará nelas aínda que non se presente ao próximo proceso selectivo, que terá carácter extraordinario con tan só 125 prazas por concurso-oposición. 

A Mesa Sectorial Docente, decorrida esta quinta feira, aprobou cos votos a favor de ANPE, CCOO, CSIF e UXT a addenda ao acordo coa Xunta da Galiza polo traballo interino que introduce unha disposición transitoria conforme esta oferta pública de emprego prevista para 2023. 

O acordo non contou co voto favorábel da CIG-Ensino, o sindicato maioritario. O seu secretario nacional, Suso Bermello, apunta que non é que non estean de acordo, senón que nin a Consellaría nin o resto de organizacións permiten introducir melloras que eles levan "catro anos propoñendo". 

A modo de exemplo, Bermello expón que está sen modificar no acordo de interinas e interinos e só está permitido renunciar ás substitucións -durante un período de tres anos- ao persoal que xustifique ter un contrato de traballo temporal ou prestar servizos, tamén de carácter temporal, noutro posto do sector público. "Aos que teñen contratos indefinidos, e que agora poden botar por nada, non lles permiten renunciar", lamenta o representante da CIG. 

Por parte de CCOO, o seu portavoz, José Manuel Fuentes, celebrou o acordo xustificando que no caso contrario este proceso selectivo tería un "afán recadatorio" ao estar obrigados os aspirantes a pagar as taxas. 

Pola súa parte, o presidente de ANPE Galiza, Julio Díaz, saudou esta medida que considera que "non engana a xente pensando que ten as posibilidades de traballar" cando a oferta de prazas é así de reducida. 

Calendario escolar

A Consellaría presentou tamén na xuntanza a modificación do calendario escolar para recuperar o sistema anterior ao curso 2021/2022 polo cal as clases da terceira avaliación en Educación Secundaria Obrigatoria finalizaban a finais de xuño. 

Daquela, Educación estabelecía unha terceira avaliación antes do 5 de xuño, a partir da cal se realizaría a avaliación final. Isto significaba, na práctica,  que o alumnado aprobado non recibiría máis materia a partir desa terceira avaliación. A modificación que expuxo a Xunta estabelece que teñen dereito a tres sesións de avaliación parciais e unha final, pero dará liberdade aos centros para facer coincidir a terceira avaliación  coa final, polo que haberá clases ordinarias até o día 22.