Medran as emisións de gases polo "claro retroceso" da produción enerxética renovábel

Vista da central térmica das Pontes. (Foto: Sanguer)
A electricidade producida a partir de fontes 'verdes' representou entre xaneiro e setembro deste ano 61% do total debido, principalmente, á caída de 66% da xeración hidroeléctrica, mentres a eólica descendeu 6%.

No que vai de ano estase a rexistrar na Galiza un "claro retroceso" na transición cara a un sistema de produción enerxética 100% renovábel. Así o advirte esta quinta feira o Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli), que calculou, con base nos datos de Rede Eléctrica de España (REE), que a xeración a partir de fontes 'verdes' caeu 35% entre xaneiro e setembro, en comparanza co mesmo período de 2021.

Pola contra, neste tempo a produción de enerxía a partir de combustíbeis fósiles incrementouse en 25%. Ogacli apunta á "seca" e o "cativo crecemento da potencia eléctrica renovábel instalada" como os principais factores detrás desta cuestión.

Con estes rexistros, a produción renovábel representou 61% do total, "lonxe do 100% ao que debería aspirar Galiza en 2030 para atinxir unha redución ambiciosa das emisións de gases causantes de cambio climático durante a presente década", apuntan.

Así as cousas, o Observatorio explica que isto se debeu, fundamentalmente, ao notábel descenso da xeración hidroeléctrica, que representou neste período 66% menos que no exercicio anterior, mentres a achega dos parques eólicos só minguou 6%.

As centrais de carbón e de ciclo combinado supliron a demanda. Así, a xeración de electricidade nas centrais de gas medrou 31%, e o gas fósil queimado nas Pontes e Sabón (Arteixo) supuxo entre 35 e 40% do total producido no país, "algo que non acontecería de non se producir unha notábel desaceleración do crecemento da potencia renovábel durante a pasada década", sinalan desde Ogacli.

"Sen un forte aumento da potencia instalada, especialmente da eólica e da solar, a xeración renovábel galega continuará a minguar moito nos anos secos, que poden ser cada vez máis frecuentes", alerta o organismo.

A principal consecuencia dos datos extraídos polo Ogacli é un "incremento significativo" das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), que até setembro atinxiron xa 2,5 millóns e medio de toneladas, só 0,2 menos que nos doce meses completos do pasado ano.