Caderno de Verán

Á procura do cetáceo do país

Público nunha das saídas deste verán (Foto: Cemma)
A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) realiza rutas de estudo con público. As e os investigadores conseguen diñeiro para aumentar os seus coñecementos e fornecen información á tripulación inexperta.

Unha forma de vivir unha experiencia distinta e real e de impulsar o traballo dos equipos de investigación da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) é enrolarse con eles nunha singladura de medio día ou dun día enteiro para ir perseguir os cetáceos que viven nos hábitats más próximos al litoral galego.

A Cemma organiza accións como o simulacro que terá lugar este sábado na localidade de Malpica, pero un dos principais atractivos para o público é a bautizada como "campaña de embarque participativo". Alfredo López, que pertence á institución, conta que hai dúas modalidades para que a xente coñeza o mar e os seus habitantes sen riscos. Iso si, como as embarcacións non son propias non contan coa adaptación para crianzas nin persoas con mobilidade reducida.   

"Hai saídas ao mar de un día enteiro ou de medio día e agora temos dispoñíbeis barcos no Grove e en Fisterra", explica. Estase a estudar cos patróns pór a disposición destas rutas algún máis, pero sempre dependerá da resposta da xente, que é a que colabora para aboar os custos das excursións de estudo. 

Outros anos o interese foi moi elevado, chegando a contabilizar, o ano pasado, 17 saídas na tempada estival. Di López que a meta desta tempada é lograr unha decena de encontros cos cetáceos do país, mais se faltan persoas inscritas non se sae porque fai falla ir completos. 

A tarifa das viaxes, que varía, pode consultarse na páxina web da coordinadora pero resulta unha sorte de donativo para que as persoas expertas poidan seguir aprendendo e, ao tempo, págase por unha clase práctica. "Esta actividade ten o obxectivo da recollida de datos pero tamén é de carácter divulgativo e formativo" para a improvisada tripulación, subliña o representante do organismo. 

As participantes saen co peto cheo de información sobre golfiños, baleas, quenllas, doniñas, arroaces... ou o que se aviste cada xornada. As e os estudosos poden ampliar a sabedoría sobre o comportamento destes animais en movemento e non varados ou na costa.

"O 90% das veces vanse ver animais", salienta López. Se ben garantías nunca as hai porque son incontrolábeis. 

Este relato publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa.