Na Galiza procesaron por corrupción en 2023 catro persoas físicas e xurídicas

Xulgados de Santiago (Foto: Nós Diario).
O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) difunde datos dos delitos públicos na Galiza.

A Xustiza procesou por corrupción a catro persoas físicas e xurídicas no ano 2022 e concluíron a investigación dun procedemento, segundo os datos sobre procedementos por corrupción que figuran na base de datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

Esta información difundiuse esta sexta feira, tras a incorporación da información correspondente ao ano 2022 e ao seu último trimestre.

Ademais, producíronse dúas sentenzas, unha delas condenatoria sen conformidade e, outra máis, parcialmente condenatoria. 

Corrupción pública

Os datos fan referencia á denominada corrupción pública, entendendo que é a que máis altos índices de preocupación inspiran na sociedade.

Desta maneira, os procedementos xudiciais cuxos datos se reflicten na base de datos teñen como suxeitos activos a funcionarios públicos, gobernantes e políticos no exercicio dos seus cargos, e como un dos elementos do tipo a afectación de diñeiro público, abarcando así tanto a corrupción administrativa como a corrupción política.

Estes fenómenos tipifícanse no Código penal como delitos de prevaricación urbanística; prevaricación administrativa; infidelidade na custodia de documentos e violación de segredos; suborno; tráfico de influencias; malversación; fraudes e exaccións ilegais; negociacións e actividades prohibidas aos funcionarios públicos e abusos no exercicio da súa función; e corrupción nas transaccións comerciais internacionais. 

No conxunto do Estado español, a Xustiza concluíu un total de 38 procedementos por corrupción, nos que se ditou auto de apertura de xuízo oral ou de procesamento contra 164 persoas físicas e 36 persoas xurídicas, que foron ou serán levadas a xuízo por estes delitos.