As probas de acceso á universidade manteñen o formato da pandemia: así será a ABAU 2023

Estudantes preparando a ABAU antes dun exame. (Foto: Arxina)
A ABAU contará con máis opcións de resposta e preguntas tipo test.

A convocatoria de exames de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) deste curso escolar 2022-2023 continuará co formato da pandemia, con máis opcións de resposta que nos exames previos á Covid-19 e preguntas tipo test.

Así o indicou o Ministerio de Educación e Formación Profesional e o Ministerio de Universidades na orde que regula a ABAU deste curso. Os ministerios xustifican que o alumnado que realizará as probas en 2023 "cursou gran parte da súa escolarización con restricións e tivo que sortear dificultades que deben seguir téndose en conta á hora de deseñar esta proba".

Así, os departamentos consideran que é "recomendábel manter o deseño e as características do modelo de proba ABAU que veñen aplicándose desde o curso 2019-2020, co obxectivo de evitar incertezas na comunidade educativa e resolver posíbeis situacións de desigualdade entre o alumnado que debe realizar este modelo de proba por última vez neste presente curso e os que o fixeron nas convocatorias inmediatamente anteriores".

Desta forma, a próxima ABAU seguirá "as mesmas directrices que as ordes anteriores ditadas desde o inicio da pandemia, prevendo tamén a adopción de medidas extraordinarias no caso de que se produza un agravamento da situación epidemiolóxica".

O documento estabelece que as probas presentarán preguntas abertas -producións escritas e composicións plásticas- e semiabertas -con respostas breves- que requirirán a capacidade de pensamento crítico, reflexión e madurez do alumnado-. Aliás, tamén haberá preguntas de opción múltiple "cunha soa resposta correcta inequívoca".

As probas ABAU deberán finalizar antes do 16 de xuño de 2023 e, na convocatoria extraordinaria, antes do 14 de xullo do mesmo ano.