A privatización e desmantelamento da sanidade mobiliza o persoal dos hospitais

Imaxe dun protesto contra o feche de camas no Hospital da Costa

O fechamento de camas, a poxa de servizos como a esterilización de material entre as empresas privadas e os recortes orzamentarios, marcan a política da Consellaría de Rocío Mosquera. Novas concentracións en defensa da sanidade pública decorrerán esta cuarta feira nos hospitais do país.

 

Esta cuarta feira (28 de maio) os hospitais de Galiza voltarán ser o escenario de mobilizacións en defensa da sanidade pública. Convocadas polas centrais sindicais contra o desmantelamento de camas hospitalarias (até 1.200) durante os meses de verán, evidencian o rexeitamento do persoal sanitario a unha política marcada pola privatización e o desmantelamento do servizo sanitario público en Galiza.

Ao fechamento das camas súmanselle xa os procesos de privatización dalgúns dos servizos hospitalarios como o informático ou a publicación no Diario da Unión Europea (DUE) do concurso público que entregará á privada a xestión do servizo de esterilización do material sanitario, tamén cirúrxico, e que --advirten @s facultativ@s-- podería pór en risco a saúde das persoas por mor de criterios de esterilidade que ficarán en mans das empresas concesionarias e non baixo supervisión d@s profesionais, como acontece até o de agora. 

A privatización empeora a calidade do servizo

O suposto aforro que pregoa o Partido Popular desde o Goberno galego fica ben lonxe de mellorar a calidade do servizo após a privatización como denunciou a Xunta de Persoal do Hospital da Coruña en relación ao servizo de compras de material. Logo de se entregar este departamento a unha empresa privada, os laboratorios do Complexo hospitalario da cidade herculina adoecían dun "grave desabastecemento" que impedía os laboratorios desenvolver as analíticas precisas para unha diagnose acaída d@s doentes. 

"No laboratorio de Hormonas, faltaron os reactivos durante 3 ou 4 días", explicaban hai dous meses @s traballador@s do CHUAC. Naquela altura @s profesionais xa amosaron o seu rexeitamento perante a conselleira de Sanidade que visitaba as instalacións do complexo para 'supervisar' o decorrer das obras das novas Urxencias. Un espazo que, doutra volta, está a ser epicentro de mobilizacións e protestos por mor das "deficiencias estruturais, de recursos materiais e persoal" que denuncian desde a Comisión de Centro Especializada. 

Núñez Feijóo inaugura as novas Urxencias do CHUAC e o persoal denuncia as "deficiencias estruturais" do servizo

E é que a premura coa que o goberno de Alberto Núñez Feijóo quixo inaugurar o novo servizo --a unha semana das eleccións europeas-- deixa sete días despois as novas Urxencias sen "a calidade e capacidade asistencial" que debera. "Caos organizativo, improvisación, má distribución do equipamento do material e da medicación, instalación de padiolas en áreas que carecen das condicións precisas, xunto á falta de profesionais de enfermería, auxiliares, celadores/as e limpadores/as en todos os departamentos". Estas son algunhas das deficiencias relatadas pola Comisión de Centro de Especializada do CHUAC, que tamén se manifestarán esta cuarta feira. 

Os recortes orzamentarios están a atinxir a calidade do servizo segundo denuncian @s traballador@s do Sergas. Un exemplo claro, din, é desartellar camas hospitalarias durante o verán para non substituír o persoal de vacacións. "Se o seu obxectivo fose mellorar a saúde da poboación e non reducir gastos a forma de resolver a falta de persoal por vacacións sería contradanto substitutos pero a decisión da Xerencia non é esa senón pechar camas e reducir servizos sanitarios", denuncian desde a Plataforma SOS Sanidade Pública que apoia esta nova xornada de protesto nos hospitais galegos.