A privatización deixa desabastecidos os laboratorios do CHUAC

[Imaxe @jcabalar]

A Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña denuncia o "grave desabastecemento" que atinxe os laboratorios do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña após "a privatización do servizo de compras de material". 

 

Desde a Área Sanitaria da Coruña, a Xunta de persoal do CHUAC denuncia a falta de material nos laboratorios do complexo hospitalario. Un feito que atribúen á "privatización do servizo de compras de material". María Jesús Seijo, presidenta da Xunta de persoal, denuncia nun comunicado de imprensa as "incidendias" recompiladas unha semana despois de se privatizar este servizo e que está a deixar sen reactivos boa parte dos laboratorios o que impide, salienta, "a realización de analises para o diagnóstico e tratamento médico dos doentes". 

"No laboratorio de Hormonas, faltaron os reactivos durante 3 ou 4 días", explican @s traballador@s do CHUAC que onte se manifestaban ás portas do hospital con motivo da visita do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. O mandatario galego acudía á Coruña para inaugurar a nova planta de Urxencias mais @s empregad@s públic@s obrigaron @s responsábeis polític@s que se achegaron a entrar ao complexo por unha porta diferente á principal --entre eles o alcalde da cidade herculina, o popular Carlos Negreira. 

Sen reactivos para facer análises

Desde a Xunta de Persoal do CHUAC denuncian que a privatización do servizo de compras de material está a carrexar prexuízos ao correcto funcionamento das probas médicas. "Especialmente grave é a situación do Laboratorio de área de Bioquímica", explican, pois o "31 de marzo, unhas 400 mostras no se poideron analizar por falta de reactivos para a determinación de ións", entre eles sodio, potasio e cloro. Esta mesma terza feira (1 de abril) "as peticións de analíticas están a ser remitidas aos médicos peticionarios coa anotación de 'falta de reactivo por desabastecemento do proveedor", contan desde a Xunta de persoal. 

"As peticións de analíticas están a ser remitidas aos médicos peticionarios coa anotación de 'falta de reactivo por desabastecemento do proveedor"

Embora desde a Consellaría de Sanidade e a Xunta de Galiza se gabaren dos beneficios que reporta a privatización dos servizos sanitarios @s traballador@s recalcan que "se isto está a pasar, apenas dúas semanas despois da privatización das compras de material, a onde imos chegar...que mais nos vai faltar?". 

Aliás, enfatizan que as deficiencias e desabastecemento nos materiais "retrasan a diagnose, o tratamento, o ingreso" e a posterior alta d@s doentes ao non ser posíbel levar a porto as analíticas mesmo en enfermidades "agudas e graves" como o "infarto de miocardio o tromboembolismo pulmonar ou a sepsis". 

"Cando se privatice o Servizo de Esterilización, que vai pasar...suspenderemos os quirófanos?", denuncian desde o CHUAC.