A privatización afunde o servizo galego de atención no fogar

Profesionais sociosanitarias piden remunicipalizar a atención no fogar para reforzar a calidade do servizo e gañar estabilidade. (Foto: MMM)
Profesionais sociosanitarias denuncian o impacto da privatización dunha prestación comunitaria esencial que, na Galiza, dispensa coidados a domicilio a máis de 20.000 persoas. Urxen a remunicpalización do Servizo de Axuda no Fogar para vencer unha precariedade extrema que fai da atención á dependencia un negocio. 

"Neste sector non hai nada que estea ben", sintetiza Trinidad Palacios, voceira da Plataforma SAF Galiza. O colectivo aglutina perto de 500 profesionais sociosanitarias traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), unha prestación básica que a Xunta financia a través dos concellos.

Segundo informou a Consellaría de Política Social o pasado mes de outubro, a achega da Xunta subirá 24% ao longo desta lexislatura ao pasar dos 9,7 euros a hora actuais aos 12 que prevé alcanzar en 2024. O obxectivo, dixo, é dar maior seguridade económica aos municipios e tamén "máis calidade aos coidados profesionais a domicilio", que neste momento reciben 24.000 galegas e galegos dos servizos sociais comunitarios.

 En todo o territorio son unhas 5.000 sociosanitarias as que se ocupan de atender todas esas persoas en situación de dependencia, 97% mulleres, cunhas condicións laborais que as grandes empresas privadas "explotan até o infinito", remarca Trinidad Palacios. "Incumpren o convenio reiteradamente e non pasa nada, co agravante de que na Galiza non se actualiza desde 2011, tras se asinar o último en 2009 por un período de dous anos".

Explotación constante

A plataforma SAF Galiza participou esta semana en Madrid das protestas de profesionais da atención a domicilio de todo o Estado. Denuncian a elevada precariedade dun servizo comunitario esencial que atopa nas súas condicións de traballo o mellor expoñente.

"Non nos facilitan os EPI que necesitamos, traballamos sen axudas técnicas nos domicilios, movendo pesos de 70, 80 ou 90 quilos, e non nos recoñecen as nosas enfermidades profesionais. Todas temos problemas músculo esqueléticos, de depresión ou ansiedade, ademais doutras doenzas derivadas do noso traballo".

As traballadoras do SAF poñen o foco no desamparo que supón esa falta de recoñecemento mentres as grandes concesionarias dos servizos de atención espremen ao máximo as profesionais sociosanitarias. "Traballamos por horas, sempre enlazando contratos por obra ou interinidade sen acceder nunca a un indefinido e moito menos á xornada completa", precisa Palacios. Malia todo, os horarios que lles poñen mantéñenas ocupadas mañá e tarde, "correndo entre domicilios", sen opción de se organizar para procurar outros ingresos. "A presión e a explotación son constantes. E os salarios, ridículos. A hora págana a menos de 6 euros netos e iso deixa moitas compañeiras con 300 ou 500 euros ao mes".

Negocios, non coidados

As traballadoras do SAF móvense en contornos urbanos e no rural, onde chegan a facer até 200 km diarios. Ocúpanse do aseo das persoas usuarias, fan control da alimentación e da medicación, pequenas curas e estimulación psicocognoscitiva, preparan a comida e acompáñanas.

"Moitas familias confunden a axuda e cren que chegas para facer a limpeza". Esta percepción, indica a voceira da Plataforma SAF Galiza, di moito do descoido co que se opera un servizo público fundamental que "permite que moitas persoas maiores e dependentes poidan seguir nas súas casas cunha atención de calidade e non nunha residencia".

"Se facemos un servizo público non se pode deixar en mans de empresas privadas, menos aínda nas grandes de Florentino Pérez -Clece-, Villar Mir -OHL Servizos-, Sacyr ou DomusVi -ServiSar-", sinala. "Os empresarios trátannos como máquinas e as usuarias como mercadoría. Non se nos valora. Ninguén nos considera, nin como profesionais nin como piar básico dun servizo  imprescindíbel para a comunidade".

Palacios asegura que é o momento de "volver facer ruído para ser traballadoras municipais". Porque "se son negocios non son coidados", conclúe.