Os hospitais privados da Galiza urxen medidas que garantan a súa liquidez e compensen as perdas acumuladas desde a declaración do estado de alarma e a posterior posta a disposición do Sergas de todos os seus recursos.
A reordenación asistencial motivada pola epidemia do novo coronavirus obrigou estes centros a desprogramar toda a actividade prevista, a manter tan só os servizos de urxencias e as consultas a distancia.
Liquidez inmediata
Despois de dous meses, a Asociación de Hospitais da Galiza (Ahosgal), que integra os 12 principais centros privados do país con perto de 1.900 camas e máis de 5.000 postos de traballo directo, afirma que o sistema público de saúde apenas derivou pacientes COVID ás súas instalacións e láiase dunha caída da actividade de 80%, sen opción ningunha de acollerse ás medidas estabelecidas para outras empresas no marco desta crise sanitaria.
Polo tanto, sinalan, "a situación dos hospitais é preocupante, con problemas de liquidez inmediata", nalgún caso, para afrontar o pagamento dos salarios do mes de maio. "Os gastos de persoal representan 57% dos ingresos". Cunha perda tan importante da ocupación, sen ganancias nin capacidade de aforro e con todo o cadro de traballadoras en nómina, aseguran desde Ahosgal, a súa solvencia resentiuse.
Calculan unhas perdas de cinco millóns de euros á semana.
En 2018, os principais hospitais privados da Galiza facturaron 326 millóns de euros e obtiveron 2,1 millóns de beneficios. A día de hoxe, calculan unhas perdas de 5 millóns de euros á semana, uns 40 millóns no que vai de estado de alarma.
Malia empezar a recuperar parte da actividade adiada, desde Ahosgal mantiveron un encontro telemático co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, co fin de lle expor os seus motivos e trasladarlle unha serie de propostas que garantan a súa viabilidade.
Garantir os pagamentos de 2019
Pídenlle á Xunta que habilite medidas para manter o concerto e pagar, mentres dure o estado de alarma, polo menos o mesmo que en 2019; co compromiso de recuperar a programación atrasada, darlle prioridade á actividade do Sergas, manter o persoal durante un ano e seguir colaborando na erradicación da pandemia.
Solicitan, ademais, unha actualización das tarifas, conxeladas desde 2008; unha compensación da actividade perdida en función da actividade rexistrada no Sistema de Información de Atención Especializada (SIAE).