A prisión de Teixeiro confirma o primeiro caso de coronavirus da Galiza na comunidade reclusa

Centro penitenciario de Teixeiro.
O cárcere de Teixeiro, en Curtis, rexistra o primeiro caso positivo de Covid-19 nun interno que se produce nas prisións galegas. Trátase dun home que permanece asintomático e que entrou en contacto cun afectado fóra do centro penitenciario, polo que foi illado de forma preventiva antes de entrar en contacto con ninguén.
 

Segundo confirmaron a Europa Press fontes do ámbito penitenciario, o afectado desfrutaba dun terceiro grao, en réxime de  semiliberdade, no Centro de Inserción Social da Coruña. Con todo, debido a unha falta, foille revogado este terceiro grao e ordenouse o seu reingreso na prisión de Teixeiro.

Á hora de ser trasladado á prisión, o centro de inserción alertou de que o home podería ter entrado en contacto cun caso positivo, polo que foi directamente illado no módulo de ingresos, onde se lle realizou unha proba  PCR, que confirmou a sospeita.

O recluso atópase asintomático, polo que, previsibelmente, permanecerá en illamento no cárcere curtense até que supere a infección. Dado que non chegou a estar en contacto con outros internos, non se produciron na prisión contactos de risco, indican as mesmas fontes.

O de Teixeiro é o primeiro caso certificado de coronavirus nos cárceres galegos, que si tiveron contaxios entre o persoal funcionario na primeira etapa da pandemia e sospeitas, despois desbotadas, na comunidade reclusa.

Fontes sindicais chegaron a confirmar, nas primeiras semanas de expansión do coronavirus, até sete positivos, detectados en todos os casos antes da declaración do estado de alarma e apartados dos seus postos até a súa recuperación.

Nesas semanas, outros dous internos en Teixeiro chegaron a ser illados de forma preventiva, tras viaxar un deles desde Italia e compartir traslado ao centro penitenciario. As probas posteriores desbotaron a patoloxía.